Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Eslogan da XX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

Fallados os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015, convocados por AETG/COETG

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 31/07/15 (14:00)

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015, que serán entregados no transcurso da XX Noite das Telecomunicacións de Galicia, que se celebrará, antes de rematar o ano, na Illa da Toxa.

O premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, foi para CO2 Smart Tech, S.A., pola súa contribución á creación de emprego, a súa expansión internacional e a consolidación do seu volume de negocio en amplos mercados.

O premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2015, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, recaeu en Alberto Rico Alvariño por Cognitive and signal processing techniques for improved spectrum exploitation in wireless communications. A tese premiada expón técnicas que incrementan a eficiencia das redes sen fíos e aporta solucións ao problema de reutilización do espectro radioeléctrico, que ten un impacto fundamental no desenvolvemento socioeconómico. Unha mostra da súa aplicabilidade é que os resultados desenvolvidos foron licenciados para o uso da Axencia Espacial Europea nos seus proxectos e estándares.

O premio INEO ao produto ou servizo TIC orientado á Internet das Cousas, e outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, foille concedido a Consultores Tecnológicos Industriales de Galicia, S.L. polo proxecto Open Framework i3. V4.0, un sistema aberto para a extensión da automatización de procesos a partes do sistema produtivo industrial no que aínda non estaban implantados. O xurado, valorou este sistema como unha innovación de aplicación práctica na empresa, que xa está dispoñible comercialmente.

O premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración coa AMTEGA, recaeu nas Aulas Interactivas para a estimulación cognitiva de alumnos coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual de Down Galicia. O galardón recoñece o carácter innovador da idea, a súa viabilidade e aplicabilidade pragmática e a súa contribución ao acceso ás TIC e a inclusión dixital.

O premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, concedéuselle a Retegal, polo seu esforzo e dedicación en pechar a fenda dixital na nosa comunidade. A compañía galardoada despregou unha infraestrutura tecnolóxica que ofrece unha ampla cobertura, a pesar da difícil orografía de Galicia, e permite prestar servizos que van dende a radio e televisión ata o sistema Tetra de comunicación para emerxencias.

O premio Socio de Honra 2015, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, foi para a Asociación PuntoGal pola súa contribución á visibilidade, na Rede, da lingua, a cultura e a identidade de Galicia.

Por último, o premio Enxeñeiro do Ano 2015 do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia recaeu en José María Pousada Carballo pola súa contribución á difusión das Tecnoloxías da Información e a Comunicación en Galicia, primeiro como director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e posteriormente como director do Centro Universitario de la Defensa, na Escola Naval Militar de Marín.

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal