Hoxe tiña lugar o acto de presentación do Fogar Dixital, unha aposta que se dirixe a facer posible que os fogares galegos se convertan en prolongacións dos centros sanitarios e dos centros sociais a través das novas tecnoloxías. Na dita presentación levouse a cabo un simulacro no que se probaron os dispositivos nun doente simulado. Segundo Alberto Núñez Feijóo, quen estivo presente no acto, o Fogar Dixital “comezará a funcionar o antes posible nunha primeira fase, dende o punto de vista sanitario máis estritamente, dirixíndose especialmente aos pacientes crónicos”.
No vindeiro mes de setembro desenvolverase o proxecto piloto para comprobar sobre a realidade o seu funcionamento, coa monitoraxe de 500 pacientes crónicos de tres patoloxías: insuficiencia cardíaca, diabete e enfermidade pulmonar obstrutiva crónica. Nunha segunda fase e dende o punto de vista social, este sistema estenderase a persoas que queiran ser atendidas na súa casa en troques de ter que desprazarse a unha residencia ou a un centro de día.
Asemade, o Fogar Dixital quer garantir que os servizos públicos poidan ser accesibles para os cidadáns dende o propio fogar. Emporiso, e dentro do reto de acadar unha única canle de atención sociosanitaria e que esta sexa posible dentro do fogar, o Plan Trabe modernizará con 20 millóns de euros os servizos sociais públicos e, a finais deste ano, permitirá introducir o fito máis importante: a historia social única de cada persoa que estea ingresada nunha residencia social, que integrará toda a información social do individuo e que será o paso previo para a futura historia sociosanitaria, “é dicir, unha única historia que reúna a información social e a información sanitaria”.
Regístrate como: