Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Asistentes á Xornada Faite profesional da banca do futuro

O Campus de Ourense visualizou novas profesións ligadas á banca e ás TIC

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/06/15 (08:34)

As novas tecnoloxías abren un mundo de posibilidades de comunicación, pero tamén de actividade laboral. Amosar exemplos de novos perfís profesionais ligados ás TIC no ámbito específico da banca, facendo fincapé en negocios ou liñas de traballo xurdidas en Galicia, foi un dos obxectivos da Xornada Faite profesional da banca do futuro organizada o pasado martes na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. O encontro, inserido na campaña 1 mes 1 profesión dixital (promovida pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG), contou coa presenza do presidente do Colexio, Fernando Suárez, que lembrou “que estamos a vivir unha auténtica transformación dixital nas nosas empresas grazas ás novas tecnoloxías e moitas profesións están adaptándose ás novas demandas que xorden”.

E engadiu facendo fincapé na responsabilidade informativa e divulgativa dos especialistas en TIC: “Temos a obriga de concienciar aos profesionais e á cidadanía da necesidade de ter coñecementos neste senso”.

Como exemplos destas nova forma de entender a banca, as xornadas contaron coas intervencións de Xoán González, licenciado da Escola Superior de Enxeñaría Informática, cofundador e director técnico de SetPay, empresa especializada en medios de pagamento e ferramentas para o mantemento de clientes no tempo; Abraham Otero, profesor da Universidade San Pablo CEU e divulgador das vantaxes e potencialidades da moeda electrónica bitcoin; Roberto Baratta, director de Prevención de Perdas, Continuidade do Negocio e Seguridade en Abanca e enxeñeiro en Informática con ampla experiencia en diferentes responsabilidades da administración de sistemas e seguridade, e Fernando Prieto, economista de CUNEF con 18 anos de experiencia en banca e xestión, e agora emprendendo en videoxogos (Gato Salvaje Studio), micromecenado (Start Your Business Consulting) e xeolocalización en edificios (Smart Guide).

Xoán González foi o primeiro en intervir para explicar o traballo da súa empresa e a súa visión sobre os novos perfís laborais no eido da banca. “Levamos tres anos funcionando e o que facemos é comercializar unha aplicación de móbil e unha TPV móbil, de modo que o pago se pode facer a través do teléfono desde calquera lugar”, explicou. Logo interveu Abraham Otero dando conta das utilidades prácticas que pode ter para os cidadáns o uso da moeda virtual bitcoin, “unha moeda franca independente dos estados”. Ao mesmo tempo, Otero aproveitou a oportunidade para quitarlle importancia á polémica que rodea á moeda virtual nos medios de comunicación. “Con esta moeda, explicou, “pódese facer o equivalente a un pago en efectivo pero a distancia e sen deixar rastro, polo que determinadas persoas poden empregala para cuestións ilícitas”. Porén, engadiu, “iso tamén pasa coa moeda tradicional e non se pon en cuestión a súa existencia”.

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal