Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Mozas usando novas tecnoloxías

A Amtega entrega os premios do concurso 'Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020' aos alumnos dos IES Perdouro de Burela e do IES Cacheiras

  • A curta gañadora foi “As Cousas de antes” do centro educativo burelés e a finalista “Revivamos Galicia” do instituto de Teo
  • Os tres alumnos responsables da curta gañadora recibiron unha tablet con funda teclado cada un e os cinco autores do vídeo finalista unha tablet
  • A directora da Amtega, xunto co director xeral de Educación e os representantes das empresas patrocinadoras, Iecisa e Altia, foron os encargados de entregar os galardóns
  • O concurso “Curtas co Móbil” estaba dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou Bacharelato de Galicia, como unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020
  • Ao certame presentáronse un total de 44 curtas de 16 centros educativos das catro provincias galega
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 27/03/15 (14:07)

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, acompañada do director xeral  de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entregou hoxe o primeiro e o segundo premio do concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’ aos alumnos do IES Perdouro de Burela e do IES de Cacheiras do Concello de Teo, respectivamente.

Os galardóns foron unha tablet con funda teclado para cada un dos tres alumnos responsables do vídeo máis votado e unha tablet para cada un dos cinco alumnos do segundo vídeo que recibiu máis  “me gusta” no facebook. En total, 9 dispositivos achegados polas empresas tecnolóxicas Iecisa e Altia.

Este foi o resultado de 10 días de votacións durante os cales os internautas podían votar a través de www.facebook.com/amtega, no apartado "Curtas Finalistas ADG2020” os vídeos que consideraran que mellor representaban o futuro de Galicia a través das novas tecnoloxías.

Os vídeos gañadores
O vídeo gañador, “Cousas de antes” do IEX Perdouro de Burela, recolle a conversa entre un neno e a súa avoa sobre como era a vida no pasado para realizar un traballo escolar. A avoa compara a realidade tecnolóxica do ano 2050, no que se ambienta a acción, coa do ano 2014 e mesmo coa de épocas anteriores. A conclusión é que os avances tecnolóxicos melloraron o benestar social.

“Revivamos Galicia” do IES de Cacheiras do Concello de Teo mostra como a través das tecnoloxías se vive e se goza de Galicia con máis intensidade.

Máis de 40 curtas de toda Galicia
O concurso “Curtas co Móbil”, dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou Bacharelato de Galicia, de entre 14 e 18 anos é unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a futura estratexia tecnolóxica global da Xunta, que está a elaborar a Amtega.

Ao certame presentáronse un total de 44 curtas de 16 centros educativos das catro provincias galegas. Neste concurso de curtas co móbil os mozos e mozas participaron en grupos dun máximo de 5 persoas, e amosaron a súa destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo de 3 minutos de duración onde visualizan como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro. Os vídeos presentados tamén se poden ver na canle de facebook da Amtega no apartado “Curtas ADG”.

Os vídeos recibidos foron valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Novas Tecnoloxías, formado por 2 representantes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), 1 representante de la Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de ESO/Bacharelato, que preseleccionou cinco vídeos finalistas.

Participación na elaboración da ADG 2020
O concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’ forma parte da campaña para a participación cidadá no proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020 levada a cabo dende a Amtega.

A nova folla de ruta en materia tecnolóxica presentarase no primeiro semestre de 2015 e estase a elaborar en base a un modelo de intelixencia colectiva, contando coas achegas das institucións públicas, axentes sociais e económicos e da sociedade galega. 

Tema: General
Fuente: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal