Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Xornada sobre retos e oportunidades das TIC para os maiores

A Deputación de Lugo organizou unha xornada sobre oportunidades das TIC para os maiores

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 03/03/15 (07:56)

Este sábado celebrouse en Lugo un encontro para estreitar ligazóns entre a terceira idade e Sociedade do Coñecemento. Falamos da Xornada sobre retos e oportunidades das novas tecnoloxías para os nosos maiores organizada pola Fundación TIC (Deputación de Lugo), que contou coa participación (entre outras relatoras) da creadora do Método Hoffmann e fundadora da rede de franquías de Centros de Día Vitalia, Catalina Hoffmann.

Na xornada, que foi inaugurada pola vicepresidenta do organismo provincial, Lara Méndez, a devandita relatora falou da súa experiencia en emprendemento e innovación, unha experiencia que en palabras da vicepresidenta valeulle para converterse nun “referente en tecnoloxía terapéutica” e en materia de estudo na Universidade de Harvard. Ademais, sinalou, recibiu o prestixioso Premio da Fundación Príncipe de Girona Empresa 2013.

A xornada formou parte do traballo que está a realizar a Fundación TIC para promover o envellecemento activo e o benestar dos maiores da provincia a través do uso das novas tecnoloxías. No transcurso do mesmo e facendo referencia a este compromiso de divulgación, a vicepresidenta sinalou que “tanto na Deputación como nas TIC estamos especialmente sensibilizados cos nosos maiores, xa que Lugo está situado no top ten das provincias máis avellentadas da Unión Europea”. Segundo os datos da Oficina Europea de Estatística, engadiu, “a provincia ocupa o noveno posto deste ranking, cun 28,2 % de poboación de máis de 65 anos”.

Lembrar que Catalina Hoffmann é graduada do Programa de Desenvolvemento Directivo da IESE Business School da Universidade de Navarra. Ten estudos en medicina e é graduada en terapia ocupacional e especialista en estimulación cognitiva. Recibiu, entre outros moitos galardóns, o premio Expansión ao Emprendemento e o Premio Fundación Príncipe de Girona Empresa 2013, que recoñece a mozos con iniciativas emprendedoras na execución dun proxecto orixinal e viábel. Ademais, en 2012 creou a Fundación Catalina Hoffmann orientada á atención de persoas maiores con escasos recursos. A xornada rematou cun obradoiro práctico de Wii Terapia para maiores. Para o seu desenvolvemento instaláronse consolas con monitores. Contou coa presenza de terapeutas que dirixiron a actividade.

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal