A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá o prazo de inscrición para para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG, con 180 prazas para o curso, previo ao exame presencial.
Para acceder a este curso, os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio.
O curso, que se estenderá ata mediados do mes de xuño cun total de 190 horas de contidos, afonda nos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia recentemente publicada e concretamente na súa modalidade de Software Libre, é dicir, GNU/Linux e LibreOffice..
As persoas que xa posúan estes coñecementos poden optar ás convocatorias para as probas presenciais sen realizar o curso formativo.
Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2015, con 1.000 prazas que se ofertarán en dúas convocatorias para os cursos de teleformación con inicio en marzo e setembro e noutras dúas novas convocatorias de exames presenciais en abril e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou opten pola modalidade autoformativa.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron preto de 500 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 800 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas probas presenciais celebradas en diversas aulas da rede.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.
Regístrate como: