Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Iniciativa One Hore Code

Unha vintena de centros e academias da nosa terra participan esta semana na Hora da Programación de Code.org

Versión para impresiónSend by email
11/12/14 (08:44)

Como avanzou hai uns días Código Cero, esta semana na que estamos mergullados ía ser unha semana internacional de programación nos centros de ensino, algún que outro galego. A culpábel disto? Pois non é outra que a organización Code.org, responsábel da iniciativa da que estamos a falar, One Hore Code, A Hora da Programación, unha proposta de alcance transfronteirizo e global para fomentar e amosar nas escolas as múltiples vantaxes de poñernos na pel das informáticas e os informáticos. Entre as entidades galegas que apoian o evento está o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, CPEIG, que se uniu a unha celebración que en boa medida lle atinxe directamente. Non só pola natureza do seu cometido (promover a profesión TIC) senón porque recentemente fomentou unha iniciativa semellante para a nosa terra.

Entre os centros de ensino galego ou academias que están a participar da semana da programación (en realidade é unha hora de programación colectiva, pero os centros teñen liberdade para elixir esa “hora” ao longo do período comprendido entre o 8 e o 12 de decembro) atópanse un centro que xa citamos os días pasados, o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, ao que cómpre engadir o CPI Terras de Maside, o IES Otero Pedrayo (Ourense), o IES A Sangriña (A Guarda), o IES de Tomiño, o centro Maía Inmaculada (Vigo), o CEIP García Barbón (Vigo), a Universidade de Vigo (Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra), o Colexio Internacional SEK-Atlántico (Pontevedra), o CEIP Noalla Telleiro (Sanxenxo), BruxaAvaría (Sanxenxo), o IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), o CEP Xosé María Brea Segade (Rianxo), o IES de Valga, o CIP Dos Dices (Os Dices), o IES Rosalía de Castro (Santiago), Code Monsters (A Coruña) e o IES Menéndez Pidal (A Coruña), Meu Lar (Narón) e o IES Vilar Ponte (Viveiro). O xeito de participar destes centros de ensino e academias será o seguinte (con maiores ou menores diferenzas): desenvolvendo durante sesenta minutos actividades de programación axeitadas á idade do alumnado.

Desmitifación

Segundo informa o CPEIG a conto desta Semana das Ciencias da Computación de Code.org, a iniciativa vai en boa medida dirixida a quitarlle ferro a esta carreira profesional dende idades moi temperás. Segundo fai saber reflectindo declaracións de Hadi Partovi, fundador e CEO de Code.org, cómpre “desmitificar a programación e amosar que a informática non é unha ciencia especial, calquera pode aprender as súas bases”. O que se procura desde esta organización internacional a través da iniciativa One Hore Code é acadar a máxima participación, en concreto a de milleiros de estudantes de todo o mundo.

Code.org é un organismo público sen arela de lucro dedicado a ampliar a participación en informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.

Dende Code.org consideran que é preciso que as ciencias computacionais e a programación de código sexan parte do plan de estudos nos centros de infantil e primaria e nos institutos, no mesmo orde de importancia que a Bioloxía, Xeografía ou Matemáticas. “Cada estudante”, sinala a organización a este respecto, “debe ter a oportunidade de aprender ciencias computacionais, xa que axudan a fomentar as habilidades de resolución de problemas, á lóxica e á creatividade”. E engade: “Ao introducir aos estudantes dende idades temperás neste tipo de formación información, achégaselles unha base para o éxito en calquera carreira do século XXI”.

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal