Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Equipo de coordinadores do CITIC

O CITIC reforza as ligazóns establecidas co tecido empresarial e a Administración

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 25/09/14 (12:58)

É un feito constatado que o Centro de Innovación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Coruña está xa consolidado como un dos principais axentes de transferencia tecnolóxica e de coñecemento. Trátase, máis en detalle, dun ente no que conflúen universidade e empresa e que fomenta a aplicación da Investigación e o Desenvolvemento (I+D) ás novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e ao desenvolvemento do software.

Segundo nos veñen de contar os responsábeis do CITIC, o devandito non sería posible de non ser polo labor dos máis de 250 investigadores que desenvolven os proxectos a nivel autonómico, nacional e internacional. “O CITIC non só cumpre unha función imprescindible para o tecido empresarial galego, co que traballan dende fai tempo a través de proxectos de I+D”, explican, senón “que tamén mantén e desenvolve importantes proxectos xunto con algunhas das empresas internacionais máis importantes”.

Empresas e entidades como Indra, IBM, Esterel Technologies ou a Office of Naval Research dos Estados Unidos. E sen esquecer a fluída relación que conserva coas PEME galegas. Do mesmo xeito, o CITIC está consolidado como un axente capaz de promover consorcios empresariais para acadar o desenvolvemento de importantes proxectos de I+D+i, xa sexa a través de proxectos que naceran no seo do CITIC ou ben dentro das empresas.

No seu afán por potenciar o carácter internacional do centro, o CITIC asistiu a xornadas de diferentes proxectos europeos e de consolidación de consorcios europeos. Asemade, mantén unha forte aposta polos proxectos de Horizonte2020. Nesta liña, o CITIC participou en varias xornadas internacionais como a Fi-Jump celebrada en Porto fai uns días co fin de impulsar a capacidade emprendedora europea e a Xornada Europea Cuidado para o futuro (Care for Future), na que se analizou como as TIC poden axudar no coidado das persoas maiores e no envellecemento activo. A capacidade de transferencia de coñecemento do CITIC compleméntase coas xornadas xunto aos principais axentes galegos, como son as celebradas xunto co Clúster TIC e o Clúster Audiovisual (CLAG) ou a Factoría de Innovación de A Coruña, entre outras.

Os resultados destas colaboracións e actividades déixanse ver en proxectos vinculados á saúde, ao envellecemento activo, á mobilidade, ao transporte, á enerxía, ás smart cities, etc. En que outras áreas tecnolóxicas están a traballar? Pois por exemplo en busca e recuperación de Información, Sistemas Recomendadores, Intelixencia Artificial, Big Data, Procesado de Imaxes Dixitais, Comunicacións Sen fíos, Sistemas de Información Xeográfica (GIS), Cloud Computing, Computación de Altas prestacións (HPC), e Sistemas de TV Dixital e fogar conectado, entre outros.

Dende 2008, o CITIC non deixou de traballar en proxectos que non fixeron máis que reforzar a súa alianza estratéxica co tecido empresarial español e internacional, co conseguinte beneficio que reportan este tipo de acordos: aumento de emprego, detección e retención de talento, reforzo de prestixio e recoñecemento para os investigadores españois a nivel mundial, etc.
En que se traduce este avance imparable cara o progreso? En proxectos como Smart Socket, un enchufe intelixente controlable de xeito remoto e encamiñado á prevención de sobre-consumos e curtocircuítos; o proxectoLocYu de localización en interiores e a súa vertente LocYu Parking, un sistema de localización da praza de aparcadoiro en interiores; FilmYou, unha plataforma de recomendación de películas que manexa coleccións de escala Big Data; o proxecto de vídeo sintético interactivo Syntheractive ou o proxecto VGLiDAR, un visualizador de datos LiDAR.

“Estes proxectos”, conclúen os responsábeis do centro, “son só unha mostra de como a investigación no desenvolvemento de software e, en termos máis globais, a I+D+i que desenvolve o centro, constitúen o corazón do desenvolvemento social e, en definitiva, a mellora nos hábitos da vida dos individuos”. Porque, lembran, cómpre non esquecer que “o verdadeiro progreso é o que pon a tecnoloxía ao alcance de todos”.

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal