Cada ano invístense miles de millóns de dólares en vacinación infantil nos países emerxentes, con todo só se administran a metade das que se poderían porque os rexistros de vacinación non son fiables. Investigadores en biométrica da Universidade do Estado de Michigan (EEUU) desenvolveron un sistema de escaneo de pegadas dixitais para nenos menores de cinco anos que podería substituír aos ineficaces rexistros en papel.
Ata agora os expertos en biométrica crían que as impresións dixitais de bebés e nenos pequenos eran pouco fiables porque os sensores de imaxes están deseñados para os surcos dos dedos adultos. Os investigadores desenvolveron un software que permite comparar con precisión as pegadas dixitais de nenos menores de cinco anos usando equipos xa dispoñibles comercialmente. Pretenden presentar un artigo no que se detalla o seu traballo nunha conferencia sobre biométrica que se celebrará este mes. Os rexistros de vacinación en papel pérdense facilmente e non ofrecen ao persoal sanitario unha información actualizada do historial do paciente. As pegadas dixitais son un trazo biométrico mellor que o iris do ollo ou as pegadas da palma da man ou a planta do pé porque son máis fáciles de tomar de nenos pequenos, e os sensores son pequenos e rápidos.
A Fundación Bill e Melinda Gates financiou esta investigación especificamente para rexistrar vacinacións, pero o sistema de identificación de pacientes ten aplicacións máis amplas, segundo o profesor do Departamento de Informática e Enxeñería da Universidade do Estado de Michigan, Anil Jain, e coautor do artigo. A tecnoloxía podería usarse "en calquera escenario relacionado coa sanidade no que exista a posibilidade de fraude, por exemplo nas reclamacións ás aseguradoras", afirma Jain.
Rexistrar as pegadas desde a primeira infancia ata a mocidade e a idade adulta tamén permitiría aos países conectar os rexistros civís, como as partidas de nacemento e defunción, cos historiais médicos, as matriculacións en escolas e os censos de votantes.
Os investigadores tiveron que procesar as imaxes tomadas por sensores usando un software que compensase o pequeno tamaño das pegadas, tendo en conta ademais a pel húmida e graxa dalgúns nenos. Tamén melloraron a precisión conseguindo comparacións baseadas nas pegadas de ambos os pulgares e índices.
Nunha proba realizada en Benín, en África occidental, o sofware conseguiu un índice de éxito do 70%, en comparación co do 98% obtido noutra proba feita en Lansing, Michigan. Esta menor precisión débese a que a clínica de Benín era ao aire libre e había moito po e moita humidade, pero Jain cre que a precisión nas comparacións pode aumentarse ao 95% neste tipo de condicións. Os investigadores teñen intención de facer máis probas, posiblemente na India, onde xa existe un programa nacional de identificación biométrica.
Os grupos de protección de datos persoais xa avisaron de que os datos biométricos pódense usar mal ou falsificarse. Con todo, nos países en desenvolvemento á xente non adoitan preocuparlle as cuestións de intimidade ou seguridade no caso dos datos biométricos, sostén o director executivo de VaxTrac, unha organización sen ánimo de lucro que participou nas probas feitas en Benín, Mark Thomas. "En comparación co statu quo de non conseguir vacinas para enfermidades mortais, as nais non se expoñen estas cousas porque os beneficios son tan intuitivos", afirma.
Regístrate como: