Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Aturuxo Films

Aturuxo Films, a experiencia TIC do IES Cacheiras, finalista no Premio á Acción Maxistral

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 06/08/14 (09:45)

Tres centros educativos galegos están xa entre os finalistas autonómicos do Premio á Acción Maxistral 2014, unha convocatoria da Fundación de Axuda contra a Drogadicción, a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO e máis a entidade financeira BBVA. Os tres finalistas son o CRA Mestra Clara Torres (Tui, Pontevedra), o IES Cacheiras (Cacheiras-Teo, A Coruña) e o IES Fin do Camiño (Fisterra, A Coruña). Todos eles desenvolveron proxectos educativos innovadores para a promoción dos valores sociais, a educación infantil responsábel, a loita contra a exclusión social ou a aprendizaxe da alfabetización mediática. Asemade, todos os proxectos, especialmente o de IES Cacheiras (Aturuxo Films), teñen compoñente TIC.

O premio está dotado economicamente por BBVA con 4.000 euros para o docente/s autor/é e outros 4.000 para o centro educativo onde se desenvolva a experiencia premiada para cada unha das dúas categorías. O xurado foi unha comisión formada por representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, da comunidade educativa galega e das institucións convocantes.

Na categoría A (Educación Infantil e Educación Primaria) o proxecto finalista foi Mamá, papá, acompáñame a aprender! Familias competentes en acción (Tecendo redes competenciais) do CRA Mestra Clara Torres (Tui, Pontevedra). Este proxecto dota ás familias de recursos e estratexias para favorecer unha educación responsábel. Os seus obxectivos son a creación e promoción de valores prosociais como o respecto, a convivencia, a tolerancia e a solidariedade.

Na categoría B (Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Ciclos Formativos de Grao Medio e Programas de Cualificación Profesional Inicial) os finalistas foron Aturuxo Films. Creación audiovisual do IES Cacheiras (Cacheiras-Teo, A Coruña) e a Rede de centros para unha convivencia positiva do IES Fin do Camiño (Fisterra, A Coruña).

Aturuxo Films é unha experiencia educativa, baseada en proxectos de carácter colaborativo e multidisciplinar, que ten como principal obxectivo a alfabetización audiovisual fomentando a creatividade a través do traballo cooperativo do alumnado utilizando as ferramentas TIC. Desenvólvese desde hai sete cursos no centro e xa participaron nel máis de 300 alumnos. Traballáronse temas como o medio ambiente, a prevención do consumo de drogas, os dereitos dos inmigrantes, a igualdade de xénero e a prevención da violencia de xénero e o acoso escolar, entre outros.

Pola súa banda, o proxecto Rede de centros para unha convivencia positiva persegue crear unha rede de apoio entre centros escolares para o intercambio de experiencias e boas prácticas de convivencia entre o profesorado, o alumnado e as familias, así como elaborar, desenvolver e difundir proxectos educativos integrais de cultura de paz.

Ademais, a Comisión recomendou o proxecto Galicia costa nostra do IES Chapela (Chapela-Redondela, Pontevedra) como candidato á mención de honra Adiante Familias. O proxecto pretende mellorar as capacidades da comunidade educativa á hora de enfrontarse á toma de decisións e posicionamento fronte ás drogas.

Por certo que nesta décima edición do Premio presentáronse un total de 368 proxectos educativos válidos -20 deles de Galicia- de Infantil, Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e/ou Educación Especial que se desenvolveron durante o curso 2013-2014. Deles, un total de 63 proxectos educativos (32 da categoría A e 31 da categoría B) pasaron a fase de avaliación autonómica.
Para ver máis detalles dos proxectos galegos, cómpre visitar a web premio.fad.es

Tema: General
Fuente: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal