Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Consellería de Traballo e Benestar

Traballo destina 2,2 millóns a manter a rede de axentes de emprego e desenvolvemento local integrada por 258 traballadores

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 21 de xullo esta liña de axudas da Consellería de Traballo e Benestar destinada á contratación de profesionais cualificados que actúen como dinamizadores do desenvolvemento económico
  • As subvencións están dirixidas aos concellos e a súa finalidade é reactivar, principalmente, a economía das zonas rurais
  • Este ano mantéñense de novo os criterios que priman os proxectos de xestión compartida
  • As entidades locais contarán a partir de mañá do prazo dun mes para presentar as súas solicitudes
     
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 22/07/14 (10:23)

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 21 de xullo a convocatoria de axudas destinadas á contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local. Esta orde conta cun investimento para este ano de 2,2 millóns de euros, o que permitirá manter a rede integrada por 258 traballadores.

Estas subvencións están dirixidas aos concellos co fin de que poidan seguir dispoñendo de profesionais cualificados que se convertan nos dinamizadores do desenvolvemento económico e do emprego nos seus respectivos territorios promovendo, deste xeito, a creación e consolidación de iniciativas emprendedoras. A finalidade principal desta liña de axudas da Consellería de Traballo e Benestar é, sobre todo, reactivar a economía das zonas rurais.

O labor destes traballadores céntrase en potenciar o autoemprego e as empresas de economía social, así como a inserción laboral das persoas desempregadas. Deste xeito, fomentan novas actividades xeradoras de emprego que repercuten na creación de novos postos de traballo e de alternativas de ocupación laboral.

A convocatoria destas axudas mantén este ano, de novo, os criterios para primar proxectos de xestión compartida. Deste xeito, terán prioridade a aqueles concellos que teñan unha media de paro rexistrado no ano 2013 inferior a 500 persoas no seu ámbito territorial e que se agrupen para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local. Nestes casos, incrementarase a contía máxima da subvención. Ademais, cabe tamén a posibilidade de solicitar axudas de xeito individual.

Os interesados en optar a estas axudas terán un mes de prazo a partir de mañá. As solicitudes tramitaranse de maneira exclusiva a través de medios telemáticos da sede electrónica da Xunta.

Tema: General
Fuente: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal