Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Sinatura do convenio

A Xunta e a Fegamp colaborarán para incrementar a formación dixital pública a través da rede de aulas CeMIT


  • O acordo establece a elaboración dun Plan de inclusión dixital para universalizar este servizo e garante a continuidade e mellora da rede promovendo a participación nas súas actividades de axentes sociais, empresariais e entidades públicas

  • En 2014 o Goberno galego investirá en total 1,6 millóns de euros no mantemento da Rede, que conta con máis de 32.200 usuarios rexistrados

  • O financiamento aos concellos realizarase a través da Fegamp, segundo o nivel de actividade rexistrada nas súas aulas

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 16/01/14 (08:17)

O vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, José Manuel Rey, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para elaborar un Plan de inclusión dixital que permita ampliar o alcance das actividades de alfabetización e capacitación que se desenvolve a través da rede de aulas CeMIT


A sinatura deste acordo supón o inicio da segunda fase da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), que se puxo en marcha en 2010 para fomentar o uso das novas tecnoloxías entre a sociedade galega, especialmente entre os colectivos máis afectados pola fenda dixital.


Tras tres anos de consolidación da Rede cun total de 98 aulas integradas, presentes en 92 concellos e con máis de 32.200 usuarios rexistrados, a Xunta busca garantir a capilaridade destes servizos promovendo a participación dos axentes sociais, empresariais e entidades públicas para incrementar as actuacións en materia de inclusión dixital en todo o territorio galego.


Nesta nova etapa da Rede CeMIT a Fegamp xogará un papel fundamental como canle de comunicación cos concellos galegos e será a encargada de transferir a subvención aos municipios atendendo aos criterios de actividade establecidos no acordo e na difusión do Plan de Inclusión dixital a través da Rede CeMIT.


Investimento


Segundo se recolle no convenio, en 2014 a Amtega, a través da Federación galega de Municipios e Provincias, achegará aos concellos, 768.272 euros euros para a realización de actividades en materia de alfabetización dixital. Desde mañá os concellos poderán solicitar o financiamento para actividades de formación nas aulas, que se distribuirá atendendo a criterios de actividade das aulas segundo o establecido no convenio


A esta cantidade súmase o investimento en equipamento e soporte técnico dos centros que ascende a máis de 911.000 euros . En total, este ano a Amtega destinará á formación dixital da Rede CeMIT máis de 1,6 millóns de euros.


Plan de Inclusión


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica será a encargada de elaborar, no primeiro semestre de 2014, o Plan de Inclusión Dixital de Galicia. Xunto coa Fegamp xestionará e coordinará as actividades definidas no Plan e impulsará a participación dos axentes sociais, entidades públicas e privadas en actuacións de inclusión dixital.


O obxectivo final é incrementar a oferta de formación dixital pública en condicións de igualdade para todos os galegos, con independencia da súa idade, lugar de residencia ou situación económica


Co acordo asinado esta mañá garántese e continuidade e mellora dun servizo fundamental para reducir a fenda dixital, facilitando unha aprendizaxe permanente neste eido, e contribuíndo á mellora da empregabilidade a través da formación para o emprego no eido das TIC.


Máis de 100.000 horas de formación en tres anos


Desde a súa posta en marcha en 2010 nas aulas da Rede CeMIT se impartiron máis de 100.000 horas de formación gratuíta. Nestes tres anos a Rede rexistrou máis e de 32.200 usuarios cun nivel de satisfacción de 8,8 sobre 10.


O plan formativo de CeMIT ten 11 itinerarios formativos con máis de 60 cursos dirixidos á cidadanía, pemes, profesionais TIC e empregados públicos. Para a formación destes dous colectivos a rede conta coa colaboración de Centro Demostrador TIC, o CNTG e a Escola Galega de Administración pública, tres centros desde os que tamén se retransmiten seminarios, xornadas e actividades a través da rede de videoconferencias de aulas CeMIT.

Tema: General
Fuente: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada por la Xunta de Galicia
Atención a la ciudadanía | Accesibilidad | Aviso legal | Mapa del portal