
"Learning tools", ou Ferramentas de aprendizaxe como se traduciu ao galego, é unha tecnoloxía que reúne unha serie de axudas que Microsoft incorporou aos seus programas máis populares cunha clara intención: facilitar a aprendizaxe a nenos con discapacidade ou con dificultades e lograr aulas máis inclusivas.
Estas ferramentas son moi variadas, pero cumpren o mesmo obxectivo, que é o de facilitar a aprendizaxe a todos os nenos e axudalos no seu día a día no colexio a través dunha serie de axudas que cobren un espectro moi amplo de necesidades.
Seguramente o programa para o que son máis útiles estas "Learning tools" é Word, o procesador de texto da familia Office no que se concentran a maior parte destas axudas.
As opcións son moi variadas, desde ampliar o ancho das columnas para facilitar a comprensión, cambiar a cor da páxina para reducir a fatiga visual ou foco de liña, para facilitar a concentración nunha parte do texto e evitar distraccións.
Estas ferramentas tamén permiten aumentar o espazo entre palabras, letras ou liñas; dividir as palabras automaticamente por sílabas para facilitar a lectura; ou ler en alto o texto seleccionado.
Como se pode ver son moitos os nenos con distintos tipos de discapacidade e dificultades de aprendizaxe que se poden beneficiar destas axudas.
Outra ferramenta moi útil que está incorporada na opción de lector inmersivo é o dicionario de imaxes, pensado especialmente para nenos con problemas de aprendizaxe como a dislexia xa que mostra unha representación gráfica de cada palabra para facilitar a comprensión do texto.
O mellor de todo é que non é necesario ningún tipo de descarga ou programa adicional, senón que as axudas xa están incluídas nos programas de Microsoft. No caso de Word, que é o máis recorrente, basta con entrar no menú "Vista" e seleccionar a opción "Ferramentas de aprendizaxe".
Outros programas para os que están dispoñibles estas ferramentas son One Note, con opcións dirixidas especialmente a nenos con dislexia; Outlook, coa posibilidade de ler en alto os correos; o explorador da internet Edge, que le en voz alta as páxinas e documentos PDF; ou Teams, onde están dispoñibles as opcións de axuda á lectura.
"Learning tools", ou Ferramentas de aprendizaxe, son un conxunto de axudas moi útiles pensadas para facilitar a aprendizaxe no colexio e dirixidas a lograr aulas máis inclusivas dunha forma sinxela.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9973.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()