
A Consellería de Traballo e Benestar e Cruz Vermella incrementará en preto de 1.000 o número de usuarios do servizo público de teleasistencia en Galicia. Con este aumento, acadaranse os 5.760 dispositivos e os 200 de xeolocalización, o que supón un 20 por cento máis que os usuarios actuais e un 70 por cento máis dos que había en 2009.
A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e a presidenta de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro, asinaron un acordo para prorrogar e ampliar o contrato de xestión deste servizo. Terá unha validez de dous anos e suporá un investimento de 2,5 millóns de euros.
Este servizo está deseñado para que as persoas que viven soas e poidan necesitar algún tipo de axuda teñan acceso inmediato a ela sempre que o precisen. Polo tanto, segundo explicou Mato, resolve “moitas situacións de inseguridade e desprotección e permite a permanencia no fogar das persoas dependentes”.
A conselleira destacou tamén as posibilidades que brindan as novas tecnoloxías de cara a mellorar a calidade de vida das persoas. Ao respecto, lembrou que se está a desenvolver o programa de teleasistencia avanzada MiAvizor, que presta unha atención integral as 24 horas e 365 días do ano, grazas aos seus sensores inalámbricos.
Este sistema tamén ofrece información sobre hábitos e comportamentos dos usuarios. O ano pasado realizouse unha experiencia piloto, e este ano estanse instalando 500 dispositivos en concellos das provincias de Lugo e Ourense.
Segundo salientou Mato, todas estas actuacións inscríbense na aposta do Goberno galego polos servizos de calidade para dar resposta ás persoas en situación de dependencia. “Cómpre non esquecer que os servizos conlevan unha atención de maior calidade, pero tamén requiren dun maior investimento que as prestacións económicas”, subliñou.
Neste sentido, fixo fincapé en que na Comunidade estase a realizar un gran esforzo neste sentido, de modo que os servizos xa supoñen preto do 70 por cento da atención ás persoas dependentes. Trátase dunha cifra superior á media estatal e que converte a Galicia na segunda autonomía cunha maior porcentaxe de servizos na atención a persoas en situación de dependencia.
Por último, a titular do departamento autonómico dixo que, xunto co compromiso polos servizos, outro gran eixo será a aposta pola prevención. O pasado xoves aprobouse no Consello da Xunta a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, que vai marcar a folla de ruta das políticas autonómicas na materia. O documento contén case 400 medidas concretas, e vai supoñer un salto cualitativo ao pasar do sistema asistencial a outro baseado na prevención.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()