
As mulleres galegas pechan fileiras arredor da igualdade tecnolóxica e científica, da reivindicación das importantes contribucións femininas a estes ámbitos e da necesidade de derrubar coas falsas crenzas e estereotipos que impiden ás mozas acceder plenamente aos estudos STEM (Science, Technology, Engineering & Mathematics). Nesta liña de traballo é onde se sitúa o primeiro grupo galego Enxeñeiras I Mas (I+) [3], que presentou a semana pasada a súa proposta de programa de actividades para os vindeiros meses, entre as que se inclúen xornadas e visitas aos centros educativos para mostrar “a importancia de que as nenas coñezan as carreiras STEM”.
Na xuntanza do grupo participou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen "amadriñou" en Vigo a creación do colectivo de mulleres enxeñeiras, cuxos obxectivos primeiros pasan por “poñer ideas en común, definir iniciativas para visualizar a situación das carreiras STEM, sumar sinerxías, obter feedback e traballar para impulsar o papel da muller nas enxeñarías”.
O grupo, que manterá reunións periódicas de traballo, integra a mulleres de diferentes eidos da enxeñaría (forestais, industriais, telecomunicacións, etc.) e ten a súa orixe en faladoiros previos entre as enxeñeiras e a presidenta provincial. Carmela Silva, que cualificou de “unha idea magnífica” a creación deste grupo, incidiu na “enorme preocupación que temos ante o descenso do número de rapazas na matriculacións nas carreiras técnicas”, e máis se temos en conta que o mundo vai estar dirixido polas persoas que teñan coñecementos avanzados nas disciplinas STEM: “Se o 75% das persoas que estudan esas carreiras son eles, eles serán os que dirixan mundo e iso non o podemos consentir”, engadiu. A vindeira posta en marcha dunhas xornadas para intercambiar recursos e debater sobre a situación das mulleres da enxeñaría, ou a organización de visitas aos centros educativos para que as nenas teñan referentes destas profesións técnicas, son algunhas das ideas que xurdiron deste primeiro encontro.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9932.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.depo.gal/web/edepo/-/noticia-carmela-silva-amadrina-en-vigo-a-creacion-do-primeiro-grupo-galego-enxeneiras-i-mas-i-