
A profesora titular de Dereito Civil da Universidade de Granada e patroa da Fundación Dereito e Discapacidade, Esperanza Alcaín, sinalaban o pasado luns que "as administracións non só están obrigadas a implementar a normativa en materia de accesibilidade de webs e aplicacións móbiles do sector público, senón que tamén teñen que esixir o seu cumprimento a toda a sociedade".
Así se manifestou esta experta durante a presentación dunha guía xurídica e técnica de orientación para o cumprimento do Real Decreto 1112/2018, do 7 de setembro, co que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva (UE) 2016/2102, do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de outubro de 2016, sobre a accesibilidade de webs e aplicacións para dispositivos móbiles dos organismos do sector público, que inclúe a Administración Xeral do Estado, administracións autonómicas e locais, as entidades públicas e privadas dependentes delas, as universidades públicas, a Administración de Xustiza, o Congreso dos Deputados, o Senado, o Consello de Estado, o Consello Económico e Social, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Tribunal Constitucional, o Tribunal de Contas, o Defensor do Pobo e o Banco de España, entre outros.
A obra foi publicada polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e pola Fundación Dereito e Discapacidade e foi elaborada pola profesora Esperanza Alcaín e por María Asunción Arrufat, doctoranda na Universidade de Granada e especialista en accesibilidade universal. O acto de presentación foi na sede de Servimedia, e contou coa participación, ademais das autoras da guía, do presidente do CERMI, Luís Cayo Pérez Bueno, e do director do Centro de Tiflotecnoloxía e Innovación da ONCE, (CTI), Guillermo Hermida. O encontro foi conducido polo director xeral da axencia de noticias, José Manuel González Huesa.
A profesora Esperanza Alcaín explicou que se propuxo elaborar a guía para facilitar o cumprimento da lexislación, "facilitando así que se poidan cumprir os prazos, porque non só contén información xurídica, senón tamén criterios técnicos para que as webs e apps sexan accesibles". Ademais, reclamou que se dea formación aos traballadores de todas as administracións para que se coñeza a normativa e que deste xeito se poida cumprir a accesibilidade das webs e tecnoloxías.
María Asunción Arrufat destacou como un dos avances máis importantes da lexislación o feito de que as administracións estean obrigadas a poñer en marcha unha canle a través do cal as persoas con discapacidade poidan solicitar información sobre os seus criterios de accesibilidade [3], pedir material accesible ou expor queixas e suxestións sobre accesibilidade das webs. "As persoas con discapacidade necesitan a accesibilidade, e iso é algo que se ten que garantir. Esta guía é próxima e sinxela para aplicarse", engadiu Arrufat.
Pola súa banda, o presidente do CERMI comentou que "a transformación dixital é profundamente liberadora e emancipadora para as persoas con discapacidade, pero para iso, ten que estar concibida e aplicada en clave de accesibilidade universal", debido a que pola contra, aumenta a fenda dixital, conseguindo o efecto contrario. "En certa maneira, a exclusión das novas tecnoloxías é a morte social para as persoas con discapacidade, porque se nos priva dun ben fundamental na sociedade, tanto no presente como no futuro", aseverou.
Na súa opinión, a normativa actual introduce avances importantes, "a pesar de que queda camiño por percorrer". Entre estes aspectos positivos atópase o feito de que por primeira vez se estendan as obrigacións ás aplicacións móbiles, algo que só afectaba antes as páxinas webs e ás redes sociais. Así mesmo, subliña que coa nova Lei de Contratos do Sector Público, as administracións xa non poderán contratar servizos que non sexan accesibles. Agora, segundo expuxo Pérez Bueno, débese esixir que se cumpran os prazos "e cando se vulneren os dereitos, as persoas con discapacidade, as familias e as organizacións poden denunciar".
Por último, o director do CTI fixo tamén fincapé na relevancia de que as apps móbiles tamén estean incluídas nas obrigacións legais, porque segundo indicou, realízanse cada vez máis operacións a través de dispositivos móbiles. Ao seu xuízo, débese garantir a accesibilidade de todas as opcións, para que as persoas con discapacidade tamén poidan elixir libremente como queren conectarse en cada momento.
Guillermo Hermida fixo un chamamento para que cando se cre unha web ou unha app se teña en conta desde o principio o deseño para todas as persoas. "Hai que acabar con mitos como que a accesibilidade [4] é cara, porque cando se fai desde o comezo, non é así. O caro é facer unha web non accesible e logo refacela para incluír criterios de accesibilidade", concluíu.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9843.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.discapnet.es/areas-tematicas/diseno-para-todos
[4] https://www.discapnet.es/areas-tematicas/accesibilidad