
O proxecto europeo de I+D+i BrainAble [3], liderado por Barcelona Dixital e dirixido a mellorar a autonomía das persoas con graves minusvalías físicas, acaba de finalizar con éxito despois de tres anos de investigación e desenvolvementos tecnolóxicos cun investimento de 3 M€. BrainAble demostrou os beneficios que achegan as tecnoloxías avanzadas na autonomía de persoas con minusvalías físicas tan severas que non poden interactuar co seu ámbito (casa, amigos, familia, etc.) de xeito autónomo. En concreto, o proxecto desenvolveu un prototipo que permite a estas persoas executar accións que, doutro modo, non poderían facer sós, como escribir e comunicarse mediante as redes sociais, acender e apagar unha luz ou a televisión, controlar calquera aparato do fogar dixital, como a cadeira de rodas, e tamén xogar e explorar ámbitos virtuais para o seu entretemento. Todo isto, só lendo os sinais eléctricos cerebrais e sen mover un músculo.
O prototipo do BrainAble pode ler os impulsos cerebrais que a persoa xera para realizar unha determinada actividade (por exemplo, cambiar de canle de TV), interpretalos e actuar por ela no seu ámbito doméstico ou social. Ademais, o sistema aprende os hábitos dos usuarios e trata de entender o contexto no que se están a utilizar, automatizando algunhas accións habituais (por exemplo, regular a temperatura do fogar a gusto do usuario), e tamén pode monitorizar se o paciente está canso e, se é así, adaptar e facer que o seu uso sexa máis cómodo. Deste xeito, outorgándolle máis autonomía na súa vida cotiá, o sistema BrainAble permite mellorar a inclusión social e a calidade de vida das persoas con minusvalías funcionais severas.
BrainAble foi desenvolvido por un equipo multidisciplinar de terapeutas, investigadores e enxeñeiros na fronteira das neurociencias, o procesado de sinal, as tecnoloxías asistenciais e a aprendizaxe automática.
Probas piloto
"Co BrainAble podo facer de xeito rápido e practicamente automático unha serie de tarefas que, sen este, necesitaría a axuda dunha terceira persoa, dada a mobilidade reducida que teño. Con este sistema son máis autónomo e independente. " Así exprésao un dos pacientes con minusvalía funcional severa que teñen testeado o prototipo do BrainAble no Instituto Guttmann, socio do proxecto e centro de referencia para o tratamento médico-cirúrxico e a rehabilitación integral das persoas con lesión medular e dano cerebral adquirido e outras minusvalíass de orixe neurolóxica.
Ao longo da implementación do proxecto, un total de 69 persoas con minusvalías severas (pacientes e usuarios dos centros AbilityNet e do Instituto Guttmann) ademais doutros usuarios sans probaron e avaliaron non só de xeito individualizado os diversos compoñentes do sistema senón tamén o prototipo integral, nun ciclo de tres iteracións dende a definición dos requisitos iniciais ata a posterior validación e mellora continua dos desenvolvementos.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_130514_BrainAble_0.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.brainable.org