
O Concello de Santiago está a impulsar no edificio Cersia o programa integrado de emprego Santiago E-Com, que se celebra até o mes de outubro con 100 mulleres do municipio. Está dirixido á mellora da empregabilidade e a inserción laboral a través do desenvolvemento dun itinerario que abrangue distintas accións, poñendo o foco en cuestións tan relevantes para concorrer no mercado de traballo como o adestramento e novas ferramentas dixitais. Onte o obradoiro foi visitado pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois [3].
As mulleres participantes recibirán información, orientación e asesoramento, ao mesmo tempo que mellorarán as súas habilidades sociolaborais e recibirán formación en novas tecnoloxías e idiomas. Amais, o programa inclúe talleres sobre mobilidade laboral que proporcionarán información dos recursos dispoñibles no territorio da Unión Europea. Ao abeiro do programa levaranse a cabo dous tipos de formación: obradoiros de competencias transversais, tanto informativas como idiomáticas, informáticas e de inserción; e cursos de cualificación profesional centrada nos sectores comerciais, hostaleiros e servizos turísticos. Neste caso desenvolveranse a través dos seguintes itinerarios formativos: mercadotecnia e comercio internacional, recepción en aloxamentos, confección de páxinas web e actividades auxiliares de almacén.
Segundo informa o Concello, “para facilitar os procesos de ensino-aprendizaxe e a actividade técnica, incorpórase de xeito significativo a utilización das novas tecnoloxías, especialmente mediante a utilización dun aplicativo específico para a xestión das accións recollidas no programa”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9763.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?id_nova=18209&lg=gal