
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal vai acoller un obradoiro de introdución ás novas tecnoloxías que, baixo o título Aul@ tecnolóxica de maiores, está dirixido ás persoas maiores de 55 anos co obxectivo de “integralas na sociedade facéndoas partícipes dela a través da formación en novas tecnoloxías”. O obradoiro porá o foco no uso de teléfonos móbiles, tabletas e ordenadores portátiles, cun “carácter eminentemente práctico” de cara á súa aplicación e aproveitamento na vida cotiá.
A actividade estará a cargo de Mar Torres Vilariño, voluntaria do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia. A actividade formativa Aul@ tecnolóxica de maiores comezará a súa andaina o martes 29 de xaneiro e seguirá o calendario escolar até rematar en xuño. O número máximo de participantes é de sete e precísase ter o carné de biblioteca. A actividade desenvolverase os martes de 18.00 a 19.30 horas e as sesións terán lugar nas salas de traballo en grupo do terceiro andar.
O período de inscrición abrirase o 9 de xaneiro ás 8:30 horas e prolongarase ata o remate da actividade. As persoas interesadas poderán obter máis información e anotarse chamando ao 881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador do andar baixo. Así mesmo, poden consultar a páxina web da Biblioteca [3] e o Facebook [4].
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9687.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://bibliotecas.xunta.gal/santiago
[4] https://gl-es.facebook.com/bpsanxelcasal