
Até que punto pode, quen non naceu no miolo da revolución dixital, vivir plenamente a revolución dixital? A operadora galega R quere transmitirnos a mensaxe de que as revolucións son para todos os públicos e que, de feito, para selo plenamente, deben chegar a todas as idades e sectores de poboación. Co fin de demostralo (e impulsar as capacidades de xente non familiarizada coas TIC), a empresa de telecomunicacións está a desenvolver pola nosa terra unha xira de actividades chamadas Nativos R. A vindeira cita será en Sarria [3], este 28 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 h, no salón de actos da Casa da Cultura (rúa Marqués de Ugena s/n).
Segundo explica a compañía de telecomunicacións galega, Nativos R encamíñase a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, por unha banda, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as TIC, pola outra. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente.
As charlas, cen por cen de balde, visitarán deseguido A Guarda, logo do seu paso pola XGN de Silleda, Cee, O Carballiño, Verín e, esta pasada finde, a Mobile Week Coruña.
Segundo explica a operadora galega con máis detalle, con Nativos R quérese desmitificar ideas asentadas “como que as novas xeracións son competentes no uso das novas tecnoloxías polo mero feito de ter nacido con elas ou que Internet, as redes sociais e os móbiles son prexudiciais en si mesmos”. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...), de como nos afecta a todas e todos o cambio dixital e dos principais riscos de Internet e de que maneira previlos, entre outros temas.
Para asistir á charla de nativos R en Sarria cómpre contar con algún dos convites do operador galego, que se poden recoller dende o pasado día 20 e ata o mesmo 28 de novembro na tenda R da localidade luguesa (rúa Calvo Sotelo 64).
As charlas nativos R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA), cuxo obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico- tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9537.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://blog.mundo-r.com/gl/quecheparece/nativos-r-verin