
Un escenario de traballo cooperativo para mellorar a empregabilidade e o potencial de inserción de persoas con diversidade cognitiva. Este é o obxectivo do programa Espazo Compartido, que presentaron hoxe as entidades responsables da súa posta en marcha: a Universidade da Coruña, Santander Universidades, o Consello Social da UDC e a Fundación Universia [3]. No acto fixeron saber que as novas tecnoloxías da información serán un piar fundamental da formación fornecida. Amais, abordaranse materias de desenvolvemento persoal, matemáticas, habilidades sociais e laborais, habilidades de comunicación, etc.
Tecnoloxicamente, achegaranse nos obradoiros previstos coñecementos sobre iniciación ás TIC, ofimática, Internet, robótica, fotografía ou identidade dixital. As clases impártense en diversos centros do Campus de Elviña. Amais das clases propiamente ditas e dos obradoiros, subministrarase prácticas profesionais.
No acto de hoxe tamén se fixo un percorrido polos fitos acadados pola iniciativa no curso pasado, no que houbo vinte solicitudes para quince prazas e no que os participantes valoraron a iniciativa cunha nota de 4,6 (sobre 5).
O proxecto, amais de todo o devandito, ofrece varios servizos de apoio, como asesoramento e orientación ao alumnado e ás súas familias, titorías académicas e coordinación con profesionais externos. Para atender todas estas necesidades, a Universidade conta cun equipo coordinado polo profesor Sergio Santos del Riego, formado por profesionais da Psicopedagoxía, Terapia Ocupacional, Logopedia e Psicoloxía.
A Universidade da Coruña puxo en marcha no ano 2013 o proxecto Espazo Compartido por iniciativa da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e do Consello Social, como unha experiencia piloto destinada “a formar dentro dos campus ás persoas con diversidade cognitiva que non teñen acceso ás aulas universitarias”.
Segundo informou hoxe a UDC, o proxecto é pioneiro no Sistema Universitario Galego e é un dos primeiros no sistema español dentro das súas características.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9429.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.udc.gal/gl/novas/Universidade-Santander-e-Fundacion-Universia-consolidan-o-programa-Espazo-Compartido-de-formacion-sociolaboral-de-persoas-con-discapacidade-cognitiva/