
Esta fin de semana que vimos de deixar atrás, o día 22, a feira de emprendemento Pont-Up Store [3] chegou ao seu punto álxido, na praza de España de Pontevedra, coa entrega de galardóns que o comité organizador adica cada ano ás máis salientables iniciativas galegas de mercado nas diferentes modalidades do encontro. A iniciativa Yaracán conseguiu o premio ao mellor emprendemento coa súa proposta para facilitar terapias asistidas para mellora a comunicación de persoas con diferentes diversidades funcionais [4].
Yaracán, que durante a feira estableceu un acordo con Bichoh!, outra das propostas participantes (adicada ao deseño de complementos artesáns para cans), conseguiu tamén o premio na categoría de turismo, lecer e benestar. Ao acto de entrega de recoñecementos asistiron Anabel Gulías, concelleira de Promocíón Económica de Pontevedra; Jorge Soto, vicerreitor do Campus CREA de Pontevedra pertencente á Universidade de Vigo; María del Carmen Fernández Penas, directora territorial de ABANCA en Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store. Na categoría de alimentación e restauración, a firma distinguida foi a viguesa Exga3D, unha aposta gastronómica ligada a procesos tecnolóxicos que emprega a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos con grandes posibilidades no eido da saúde. Por exemplo, elaborando pílulas médicas con feituras e sabores de froitas ou doces; ou peixe con formas máis divertidas e gorentosas destinadas a nenas e nenos. Na Pont Up Store os responsables de Exga3D iniciaron unha alianza coa pontevedresa Natural Snack Lab, outra das participantes desta edición, que elabora snacksde froita deshidratada feitos a base de puré de froita deshidratada natural 100% sen conservantes, colorantes nin azucres engadidos.
Na modalidade de formación, educación, arte e cultura, o premio foi dar a Espacio Matrioska, un proxecto de dinamización, produción e axitación cultural, que levan a cabo un grupo de mozas e mozos instalados no concello ourensán de Os Brancos. Na categoría de comunicación, deseño gráfico e evento, as vencedoras foron as Mulleres Atlánticas, unha comunidade de emprendedoras nacida das reivindicacións feministas do 8 de marzo que promove as sinerxías e a xeración de negocio entre mulleres galegas e portuguesas. Na vertente de enxeñarías, consultorías e outros servizos, o galardón foi dar á firma viguesa Xtonebox, que presentou unha proposta de negocio que recupera a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade. No ámbito da moda, os complementos e a decoración, as gañadoras foron as impulsoras de Las Flores de Greta, empresa da área metropolitana de Vigo que presenta coleccións téxtiles elaboradas coa técnica do Ecoprint, coa que conseguen trasladar os pigmentos naturais de follas e flores a tecidos de orixe orgánica.
Na categoría de novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o xurado concedeu un premio duplo a dúas empresas pola “súa implicación” nas actividades do Espazo Gaming que se estreaba nesta edición. As gañadoras son SPA-CC, que traballa no deseño de contornas visuais para videoxogos; e a asociación Gaming Troop, que agrupa a centos de seareiros do lecer dixital entre os que promove a colaboración, a competividade no bo sentido e o desenvolvemento de habilidades individuais e en grupo, pero sobre todo “a filosofía de pasalo ben”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9228.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://pontupstore.com/2018/gl/
[4] http://www.pontevedra.gal/2018/09/22/yaracan-elixido-mellor-emprendemento-do-5a-punt-up-store/