
As instalacións de Televés en Santiago acolleron onte a presentación duns avances tecnolóxicos feitos á medida das nosas necesidades e de todas as contornas que teñen ou terán as nosas mesmas características demográficas: moita dispersión e, sobre todo, un marcado envellecemento da súa poboación (a cuarta parte das galegas e dos galegos teñen a día de hoxe máis de 65 anos). Máis en detalle, o acto desta mañá foi a segunda revisión anual do Proxecto Activage [3], levada a cabo pola Comisión Europea, logo da información achegada hai case un ano con motivo da súa posta en marcha [4]. Entre outras cousas, onte fíxose saber que Activage (un proxecto europeo liderado por Televés e a Xunta para mellorar a autonomía, a saúde e a calidade de vida das persoas maiores) vén de xerar o que sería “o primeiro ecosistema sociosanitario galego”.
Ou sexa, unha comunidade por dereito propio, formada por persoas maiores, institucións públicas, empresas e organizacións, que xunta forzas para responder ao gran reto demográfico do noso tempo: o progresivo envellecemento da poboación e a necesidade de fornecer de conectividade ás contornas (cidades, vilas, aldeas, casas) onde reside esa poboación. Televés e o Goberno autonómico tamén recordaron que Activage, activo en diferentes contornas xeográficas europeas, diríxese a mellorar a autonomía das persoas maiores a través (sobre todo) do uso das tecnoloxías aplicadas á Internet das Cousas (IoT), recursos que combinados coa conectividade integral a Internet permiten facer monitoraxe continua das persoas atendidas dentro da súa casa e tamén fóra dela.
A nivel galego, o proxecto colle corpo cunha iniciativa piloto (un piloto integrado en nove experiencias europeas análogas) na que participa un colectivo de 700 persoas maiores de 60 anos, probando solucións tecnolóxicas (sensores e aplicacións) que fan seguimento do seu quefacer diario e do seu estado de saúde. No caso da nosa terra, está a ser impulsado por Televés, Cruz Vermella, o SERGAS, a Fundación Vodafone España, a Universidade Politécnica de Valencia, Tecsos, AMTEGA e a Xunta de Galicia.
Segundo se lembrou no acto celebrado en Televés, o piloto galego consta de catro piares fundamentais: coidado da saúde (soporte no coidado da saúde con seguimento de variables clíncas e recordatorio de medicación e medidas), tranquilidade no fogar (seguimento do quefacer diario para detectar posibles situacións de risco como caídas ou incendios), premedor de emerxencias (solución para pedir axuda en caso de urxencia e respondida decontado, tanto no fogar como fóra del) e participación social (a través dunha solución de vídeo-conferencia a través da que se pode informar sobre eventos e actividades de lecer ou realizar exercicios para mellorar e estimular a memoria).
No acto participaron, entre outros, o director xeral corporativo de Televés, Santiago Rey, o director de I+D da empresa galega de telecomunicacións, Sebastián Pantoja, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez. Todos eles fixeron fincapé no potencial da nosa terra como “laboratorio de probas” para impulsar e avaliar as tecnoloxías de Activage, salientando os importantes recursos que están a abrollar do proxecto para definir o rumbo das políticas sanitarias autonómicas e de asistencia social.
Segundo fixo saber Rey Varela, Galicia, coa súa importante porcentaxe de xente maior de 65 anos (a cuarta parte da poboación... e medrando), cos seus preto de 60.000 maiores con necesidades especiais e coas súas demandas importantes en materia de conexión de calidade para núcleos de tamaño medio e pequeno, achega uns desafíos concretos “que tamén son, ante todo, unha oportunidade”. Unha oportunidade porque alentan ás institucións, ás empresas, aos organismos e á sociedade por enteiro, a buscar conxuntamente solucións tecnolóxicas concretas que de xeito individual sería máis complexo lograr. “Debemos contribuír a que os nosos maiores continúen activos, aportando cousas de valor e positivos á sociedade”, engadiu.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9183.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.activageproject.eu/
[4] https://codigocero.com/Televes-acolleu-o-arranque-da-fase-piloto-de-Activage-Galicia-proxecto-TIC-a