
A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) ofreceu formación sobre discapacidade e novas tecnoloxías aplicadas a 170 profesores e realizou actividades de sensibilización con 450 docentes e máis de 1.600 alumnos en 2018.
En total, máis de 2.000 persoas recibiron formación e sensbilización sobre discapacidade grazas ao proxecto "Promoción da Educación Inclusiva e de Soporte á Atención ao Alumnado con Necesidades Específicas por Motivos da súa Discapacidade", que a confederación leva a cabo en 92 centros educativos de España.
A iniciativa, que continuará ata finais de ano, está financiada co 0,7% do IRPF que a cidadanía pode destinar a proxectos con fins sociais marcando a X Solidaria na súa declaración da renda.
Con motivo do comezo do curso escolar 2018/2019, o presidente de Cocemfe, Anxo Queiruga, fixo fincapé na necesidade deste tipo de iniciativas "para suplir o incumprimento da normativa e as grandes carencias do sistema educativo cara ás persoas con discapacidade, que impiden exercer o seu dereito á educación normalizada".
Por elo, defendeu garantir a aprendizaxe do alumnado con discapacidade e reivindicou "os apoios necesarios para conseguir igualdade de oportunidades no seu desenvolvemento formativo".
Entre outros aspectos, o proxecto busca establecer unha "Rede de Titores Tecnolóxicos de Apoio ao Profesorado" para a atención do alumnado con necesidades específicas por motivo de discapacidade a través das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
O seu obxectivo é previr o fracaso e o abandono escolar nos ciclos formativos obrigatorios e non obrigatorios mediante a introdución de tecnoloxías inclusivas nos centros educativos que favorezan a autonomía persoal do devandito alumnado.
Para iso, conta cun grupo de 11 titores e titoras coa misión de motivar, sensibilizar, tutorizar, informar e formar no uso das tecnoloxías inclusivas ao profesorado que conta nas súas aulas con estudantes que requiren este tipo de soporte.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9133.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()