
Este 24 de agosto, a partir das 10:00 horas, temos unha cita en Arteixo coa robótica, o respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade. Trátase dunha xornada de construción masiva de enxeños de Lego Education que ten o obxectivo de “estender os valores e obxectivos de sensibilización medio ambiental”, facendo fincapé, por suposto, nas novas xeracións. A cita cos enxeños tecnolóxicos e a ecoloxía será na praza do Balneario de Arteixo [3].
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Planeta Limpo [4], que é un programa integral, promovido pola Fundación Prosegur, que busca sensibilizar e concienciar á sociedade da importancia da conservar a natureza e a diversidade, o impacto e a necesidade da correcta xestión dos residuos. Segundo informa o Concello de Arteixo, é un programa innovador que, na súa terceira edición, desenvólvese na provincia da Coruña.
Esta convocatoria artéllase nunha primeira etapa, que se desenvolveu en 10 colexios da nosa terra (entre abril e maio de 2018) a través de obradoiros nas aulas, onde 1.880 alumnos e alumnas de entre 8 e 12 anos levaron a cabo misións medioambientais coa axuda de robots LEGO Education. A segunda fase veu xusto despois, cunha serie de desafíos medio ambientais para resolver en rede e rematando cunha serie de actividades lúdicas no verán abertas ao público. Nesta última fase do programa estanse levando a cabo obradoiros ecolóxicos na praza do Balneario (onde participan activamente as persoas inscritas na quinta quenda do campamento educativo) e máis a devandita xornada de construción masiva que se celebra mañá. Esta quedada, unha actividade de fluxo continuo e aberta ao público, pretende afianzar o respecto polo medio mediante a materialización colectiva dun modelo conxunto construído entre todos os participantes. A dinámica levarase a cabo nunha única xornada tamén con material e facilitadores LEGO Education.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9064.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.arteixo.org/gl/noticia/talleres-de-sensibilizacion-medioambiental-planeta-limpio
[4] http://www.planetalimpio.es/