
ILUNION Sociosanitario incorporou nos seus centros un robot de apoio para reforzar o acompañamento ás persoas maiores, nas actividades que se desenvolvan no centro e que favorezan as relacións sociais co resto de usuarios.
A compañía do Grupo ILUNION aposta, así, pola tecnoloxía e a robótica como ferramenta de apoio ao seu persoal especializado e fortalecer as actividades de acompañamento.
O robot Roni é un prototipo desenvolvido pola empresa francesa Kompaï Robotics, que incorpora a tecnoloxía Big Data e Internet das Cousas e que permitirá fortalecer o desenvolvemento de distintas actividades de apoio para persoas maiores ou en situación de dependencia. Roni, bautizado con este nome polos usuarios dun dos centros de día que xestiona ILUNION Sociosanitario, conta cunha pantalla táctil con xogos e vídeos dirixidos á estimulación cognitiva. Ademais, facilitará a comunicación dos usuarios con outras persoas que se atopen fora do centro a través de vídeo conferencias, entre outras posibilidades.
O robot permite tamén a programación de mensaxes con tarefas concretas, o que xera unha función de recordatorio de tarefas e a asimilación de determinadas rutinas, como a comida ou outras tarefas cotiás. Para o director xeral de ILUNION Sociosanitario, Joaquín Leizaola, "esta incorporación traerá melloras significativas no reforzo da atención personalizada aos usuarios dos nosos centros".
O robot atópase na actualidade nunha primeira fase de programación e validación de tarefas. Unha vez finalice esta primeira etapa, Roni contará cun catálogo de funcións de acompañamento en actividades cognitivas, de lecer, de ocupación, animación, orientación e reforzo do benestar físico e mantemento funcional. Roni configúrase como un asistente de apoio nas terapias e mellorará a experiencia das persoas. Nesta tarefa está a ser fundamental o persoal de ILUNION Sociosanitario, que reforzou a escoita activa para detectar a percepción que os usuarios teñen da nova incorporación.
Este é o mesmo modelo de robot no que se basea o premiado proxecto "Mario, Managing active and healthy aging with use of caring service robot", un proxecto europeo deseñado especificamente para o seu uso en demencias e con persoas maiores a través de intervencións multifactoriais apoiadas neste modelo de robot asistencial. Os seus beneficios acaban de ser destacados nun estudo da Comisión Europea.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8990.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()