
Un total de 14 mozas e mozos da contorna de Carballo participaron a semana pasada nun obradoiro sobre teléfonos móbiles e tabletas e diferentes e enriquecedores xeitos de facer que sexan algo máis que unha simple ferramenta para sacar fotos, aínda que tamén. Houbo contidos sobre retoque de imaxes e dereitos, sobre técnica fotográfica, sobre exposición correcta ou sobre as mellores aplicacións móbiles para obter os mellores resultados nas fotografías.
O curso rematou o venres 13 cunha clase sobre retoque e sobre dereitos de imaxe [3]. Foi impartido por Alfredo Varela no Pazo da Cultura durante toda a semana, ao abeiro da programación do XX Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís.
Foron, en total, cinco sesións de tres horas de duración nas que os alumnos aprenderon conceptos sobre técnica fotográfica, a exposición correcta, o enfoque, a composición ou as mellores aplicacións móbiles gratuítas para sacarlle o mellor partido aos dispositivos. Ademais das nocións teóricas, houbo espazo para as saídas ao exterior, por exemplo á zona do Parque do Anllóns e a varios barrios de Carballo.
Segundo explica Varela, o balance da experiencia “é positivo”, e os “rapaces quedaron moi contentos e conseguimos fotografías boas, e creo eu que quedamos todos con ganas de facer algún curso máis”. No que se refire á parte teórica, o profesor informa que se trataron aspectos básicos da práctica fotográfica, como por exemplo os detalles para acadar a mellor exposición ou para conseguir tirar proveito da luz que incide na cámara e na súa contorna.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8966.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://carballo.gal/novas.php?id=6051&idioma=gl&sec=30