
COGAMI, a confederación galega de persoas con diversidades funcionais e cognitivas, vén de concluír as actividades dun programa formativo innovador na forma e máis no contido: achegouse un novo tipo de adestramento colaborativo (a xeito dunha comunidade dixital aberta) e púxose o foco na importancia das novas tecnoloxías para mellorar o currículo e conseguir emprego. Trátase do programa POISES [3], no que participaron 46 persoas das contornas de Ferrol e Ourense e que conseguiu, polo de agora, que máis de dúas ducias dos participantes estean xa a traballar.
Segundo explica COGAMI o programa durou medio ano: seis meses de preparación, de formación, de intercambio de opinións, de compartir con compañeiras e compañeiros experiencias e, sobre todo, de asimilación de contidos e de ferramentas para poder lograr unha meta: o mundo laboral. O programa, financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo, estívose impartindo en Ferrol e Ourense, onde concorreron 46 persoas usuarias de COGAMI, a maioría delas mulleres con capacidades diversas, mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas que viven en zonas rurais. A iniciativa contou co apoio de dúas orientadoras laborais, Goretti Rodríguez (Ourense) e Yolanda Grandal (Ferrol), que ofreceron sesións de orientación laboral, aprendendo a identificar as capacidades propias de cada persoa, ensinando a marcar unhas metas laborais e a preparar o seu currículo para mellorar a empregabilidade.
Como dixemos, boa parte desatas actividades xiraron arredor das novas tecnoloxías, centrándose sobre todo no adestramento en emprego de páxinas web e nos principais portais de emprego. Todas estas accións desembocaron na contratación de 26 persoas, algo máis do 50% de participantes.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8899.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.cogami.gal/difusion/sala-de-prensa/novas/cogami-remata-o-programa-poises-de-emprego-e-formacion-con-26-persoas-traballando/