
A asociación de educación especial Santísimo Cristo do Amor [3], con base no Porriño, está a desenvolver unha iniciativa que se dirixe a impulsar o importante talento que atesouran os membros da asociación. E faino familiarizándoos cos xogos virtuais [4]. Segundo explican os responsables do proxecto Autónoma-Mente, do que se trata é de fortalecer as súas altas capacidades funcionais, as cognitivas, as físicas e as sociais.
O programa conta co apoio da Obra Social La Caixa, que achega financiamento. Segundo explica a entidade porriñesa de educación especial, os videoxogos e as realidades virtuais teñen un gran potencial na estimulación cognitiva, sobre todo nos eidos da atención, a comprensión e a memoria. O devandito conséguese mediante a plataforma de recuperación, estimulación e adestramento web NeuroUp [5] e, tamén, a través de ferramentas específicas e individualizadas que proporcionan datos sobre as capacidades diversas de cada usuario, recompilando información de valor ao longo das distintas accións desenvolvidas.
No proxecto están a participar máis dun centenar de persoas de todas as idades, dende crianzas a persoas maiores, tanto na propia sede da asociación como dende os seus fogares, complementando o aprendido nas sesións presenciais. Polo que respecta aos xogos, hainos dirixidos a fomentar a interacción persoal a especial dende o computador e tamén se están a probar sistemas como Sensory Eye, moi axeitado para persoas con mobilidade limitada, e que permite manexar un computador coa vista e darlle todo tipo de ordes.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8896.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://aceesca.com/
[4] https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2018/06/29/nuevas-tecnologias-rompen-barrera-discapacidad/0003_201806G29P30993.htm
[5] https://www.neuronup.com/es/