Lugo,
28/06/18 (13:47)
A Deputación de Lugo informou onte da entrada na súa recta final do prazo de matrícula dos seus cinco cursos formativos encamiñados a mellorar o currículo e o adestramento profesional das persoas en paro da provincia. Os obradoiros, ofrecidos a través de LugoWork, están inseridos no plan de emprego xuvenil da entidade provincial, que quere beneficiar a menores de 30 anos que estean no paro e que inclúe 2 millóns de euros de orzamento captados da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial. Segundo indicou hoxe a Deputación, tralo adestramento (un parte importante do cal está centrado nas TIC) os participantes terán a posibilidade de traballar en entidades da provincia e cubrir as necesidades que demandan ditas empresas.
As persoas interesadas en participar nestes cursos teñen ata o 30 de xuño para facer a súa solicitude nas páxinas web www.deputacionlugo.gal ou en www.eoi.es . Como requirimento básico, amais dos devanditos, esíxese que os solicitantes estean inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil. Os cursos en cuestión son os seguintes:
- Curso de auxiliar de ventas online e offline e atención ao público. Nesta acción formativa, que conta con 15 prazas, os alumnos recibirán 250 horas de formación a través de contidos dirixidos a habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas en liña e offline.
- Aplicacións e Manexo de Sistemas Aéreos non Tripulados – Drons: Este curso conta con 220 horas de formación e 15 prazas. Serán impartidas en Lugo por profesionais do Aeroclub das Rozas. Con esta acción o organismo provincial cubre “a necesidade de formación nun dos nichos de mercado en expansión con máis posibilidades de medre”.
- Curso de Emprendemento: Está dirixido a 15 persoas que teñan unha idea de negocio e queiran montar unha empresa. A Deputación porá a disposición dos participantes un titor asignado que os asesorará en aspectos coma os modelos de negocio, ou estratexias de vendas, entre outras cuestións. Este curso o impartirán profesionais da Fundación CEL.
- Desenvolvemento en aplicacións Android: Nesta acción formativa, que conta con 15 prazas, os alumnos recibirán unhas 200 horas de formación a través de contidos dirixidos a aprender todo o relacionado co desenvolvemento nativo de aplicacións Android para poder crealas dende cero.
- Técnico en automoción e de maquinaria agrícola: Nesta acción formativa, 15 lucenses recibirán unhas 250 horas de formación a través de contidos dirixidos a aprender operacións básicas de mantemento no motor e sistemas auxiliares en automóbiles e maquinaria agrícola, proporcionando os contidos teóricos e prácticos necesarios neste eido.
Tema: Xeral
Fonte:
Código Cero