
Unha das habilidades fundamentais do ser humano para poder moverse con facilidade é a chamada propriocepción, é dicir, a capacidade de saber en que lugar, que posición e que movemento realizan as extremidades sen necesidade de miralas.
Esa capacidade, que facilita a utilización tanto de pés e pernas como de mans e brazos xa que permite automatizar o movemento, pérdese para as persoas con discapacidade que teñen que utilizar unha prótese.
A ausencia de propriocepción é un dos maiores obstáculos aos que se enfrontan os usuarios de próteses no proceso de afacerse a utilizar as extremidades artificiais.
Para tratar de avanzar neste campo o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) logrou desenvolver unha novo interface neuronal que permite conectar estas próteses ao sistema nervioso central, de maneira que os usuarios que perderon algunha das súas extremidades son capaces de sentir a posición, localización e movemento das próteses.
Trátase dun avance maiúsculo xa que facilita enormemente ás persoas con discapacidade a utilización destas próteses e permite normalizar o seu uso.
Para logralo, os investigadores do MIT desenvolveron un modelo de prótese que é capaz de recibir ordes de movemento do sistema nervioso central, pero á vez emite información proprioceptiva ao sistema nervioso.
Esta tecnoloxía, que soa a un desenvolvemento do futuro, é unha realidade despois dun profundo ensaio preclínico realizado no MIT, previo á súa utilización por primeira vez por unha persoa.
Agora esta tecnoloxía utilizouse por primeira vez nun ser humano que foi capaz de recibir esta información proprioceptiva e que esperemos que sexa o primeiro de moitos usuarios que se poden beneficiar deste desenvolvemento.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8762.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()