
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2018 [3], que serán entregados o vindeiro 1 de xuño no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo no decurso da XXIII Noite Galega das Telecomunicacións. Esta convocatoria distingue, un ano máis, o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por diferentes persoas e empresas.
En total, vanse entregar cinco premios. O primeiro deles distingue o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, galardón que este ano recae no proxecto Litter Drone [4], monitorización do lixo mariño empregando drons e análises de imaxe dirixido por Fernando Martín, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os membros do xurado valoraron a calidade e o grado de innovación tecnolóxica deste proxecto mediante o emprego de sistemas abertos e a participación efectiva de axentes implicados no eido da sustentabilidade ambiental.
O Premio Gradiant á Mellor Tese de Doutoramento Aplicada ao Sector TIC recae en David Vázquez polo seu traballo Detection of image resampling and video encoding footprints for forensic applications [5]. O xurado valorou como razón determinante desta distinción o reto tecnolóxico de alto nivel ao que dá resposta o traballo, que contribúe á análise forense de probas mediante o incremento da confianza nos contidos dixitais, as transferencias tecnolóxicas á empresas e a solicitude de patentes.
O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións distingue o labor de Abanca. O xurado recoñece a utilización das TIC no proceso de transformación dixital da entidade financeira de cara a lograr unha banca máis áxil, próxima, transparente e innovadora; o que posibilitou a creación dunha infraestrutura flexible e segura que facilita a expansión nacional e internacional do seu negocio.
O Premio Enxeñeiro do Ano 2018 recae en Joaquín Lameiro [6] pola súa exemplar traxectoria profesional e o seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país. Enxeñeiro Superior de Telecomunicación pola ETSIT de Madrid, durante 38 anos desenvolveu a súa carreira profesional na industria das TIC e dos servizos de consultoría tecnolóxica. Traballou para Wang Laboratories e tamén para IBM, empresa na que ocupou diversos postos de responsabilidade. Así, entre 1999 e 2014 foi director rexional desta multinacional na zona noroeste de España, ocupándose da representación institucional da empresa e da relación con clientes e partners.
Finalmente, o Premio Socio de Honra distingue a Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, polo pulo outorgado á entidade que dirixe en relación ao desenvolvemento de novas tecnoloxías que permiten mellorar e optimizar o traballo no eido sanitario. Neste sentido, recentemente o Colexio de Médicos da Coruña asinou un convenio co COETG [7] para favorecer o uso das TIC na profesión médica co obxecto de que o seu emprego redunde «nunha mellor praxe e nunha mellor atención sanitaria aos cidadáns», segundo recolle o texto do acordo.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8696.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.aetg.gal/articulos/os-premios-galicia-das-telecomunicacions-distinguen-un-ano-mais-o-emprendemento-a-investig
[4] http://litterdrone.eu/
[5] http://www.investigo.biblioteca.uvigo.es/xmlui/handle/11093/604
[6] https://www.linkedin.com/in/joaqu%EDn-lameiro-paz-3421bb28/
[7] https://codigocero.com/A-AETG-impulsara-unha-app-para-facilitar-o-traballo-dos-medicos-e-protexelos-de