
Este 26 de abril celebrouse no mundo o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e nós estivemos no que foi o epicentro da conmemoración galega [3]: a sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), onde centos de nenas e nenos da nosa terra (in situ e por videoconferencia) departiron e interactuaron con catro representantes femininas do noso sector da innovación e das novas tecnoloxías. Porén, as celebracións da nosa terra non se limitaron ás organizadas en Santiago polo Centro de Supercomputación de Galicia e o CPEIG. Na Coruña, o Centro de Investigación TIC (CITIC) sumouse á xornada un día antes, o 25 de abril, cunha actividade de divulgación dirixida ás crianzas [4] e co obxectivo de alentar o uso das novas tecnoloxías entre as nenas.
No evento organizado polo CITIC, a rapazada gozou dun contacontos sobre biografías de mulleres relevantes no mundo do TIC, senlleiras científicas e desenvolvedoras como Ada Lovelace, a nai da programación informática; Grace Murray, que desenvolveu o primeiro compilador para unha linguaxe de programación ou Hedy Lamarr, inventora da tecnoloxía precursora do Wi-Fi, o Bluetooth e o sistema de localización por satélite GPS.
Para as/os seareiras/os da robótica, celebrouse tamén un obradoiro creativo, que foi impartido polo investigador do CITIC, Javier Pereira, e que contou con LEGO Wedo, Escornabot, Makeblock e Robot Evolution. Tamén houbo marxe para desfrutar con xogos interactivos desenvolvidos con Scratch, nos que tiveron presenza os encerados electrónicos, as lentes con sensores e máis diferentes elementos xerados co MakeyMakey, un produto de hardware aberto que dá a oportunidade de ter unha primeira toma de contacto cunha placa de circuítos impresos.
Segundo informa o CITIC, a nota creativa púxoa o obradoiro de debuxo Que son para ti as TIC?, no que todas as crianzas deixaron voar a súa imaxinación e así contaron a súa relación coa tecnoloxía e a importancia que ten no seu día a día.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8616.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://codigocero.com/As-participantes-no-Dia-das-Rapazas-nas-TIC-declaranlle-a-guerra-a-desigualdade
[4] https://citic-research.org/noticias/el-citic-celebra-el-dia-internacional-de-las-ninas-en-las-tecnologias-de-la-informacion-y-la-comunicacion-tic.htm;jsessionid=BF797E95D03DA6E56C3C58F1B55F5803