
O proxecto Fálame de San Sadurniño [3], a iniciativa do concello coruñés para dar voz e visibilidade á veciñanza pola vía das novas tecnoloxías e os contidos audiovisuais, vén de obter un importante recoñecemento por parte da Deputación de Ourense [4]. Estamos a falar do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural, cuxo xurado reuniuse onte no pazo provincial para examinar as candidaturas presentadas e elixir os proxectos galardoados nas tres modalidades do certame. Así, o premio para profesionais da xestión cultural foi para o proxecto web de dinamización social e tecnolóxica Fálame de San Sadurniño, presentado por Carmen Suárez Nieto.
Pola súa banda o recoñecemento a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados foi para o Festival Arteficial, presentado pola Asociación Cultural Ecolóxico Educativa Arteficial. Por último, a distinción a proxectos vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural foi para a iniciativa Unitaria, presentada pola Asociación Amigos, si, pero a vaquiña polo que vale.
Os galardóns do certame Rodolfo Prada, instaurado pola Deputación de Ourense para salientar e reivindicar a figura do senlleiro ourensán que lle dá nome, impulsor do movemento político-cultural máis importante da galeguidade en América, serán entregados o sábado 5 de maio, no marco da celebración da feira da creatividade e as novas tecnoloxías Ourense ICC Week [5]. O xurado estivo integrado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, en calidade de presidente; e como vogais, por parte da Asociación Galega de Xestores Culturais: Alberto García Sánchez, Cristina Rodríguez Labandeira e Carlos Lorenzo Pérez; por parte da Deputación de Ourense: Luís González Tosar, Antonio Piñeiro, Juan Rivas e Manuel Araujo; e por parte da Asociación Rodolfo Prada, Francisco González. A Deputación de Ourense, a través deste galardón, que ten como obxectivo distinguir a persoas, proxectos ou colectivos que “se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con referencia á cultura galega, destina un total de 6.000 euros en premios”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8567.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.falamedesansadurnino.org/
[4] http://www.depourense.es/index.php/actualidade/3232-falame-de-san-sadurnino-o-festival-arteficial-e-o-proxecto-unitaria-premios-rodolfo-prada-a-xestion-cultural-2018
[5] https://ourenseiccweek.com/gl/