
Finalmente, o Colexio de Infantil e Primaria de Laredo (Chapela, Redondela) foi recoñecido o pasado sábado 10 de marzo co primeiro Premio Nacional Wisibilízalas (categoría junior), convocado polo buscador Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, poñendo o foco en figuras referentes nestes eidos. O proxecto do CEIP de Laredo foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos.
Segundo nos contan fontes do colexio, a iniciativa recoñecida por Wisibilízalas [3] (o proxecto Donas do Código) consistiu en mostrar ante o mundo docente mulleres actuais dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, referencias, destacadas e sobranceiras. Para impulsar a visualización do traballo destas investigadoras incluíronse charlas, encontros e outras actividades coas mulleres investigadas. Encontros como o realizado recentemente no centro con África González, unha das figuras máis salientables dos eidos da inmunoloxía e a nanotecnoloxía, ou Alba Alonso e Edita de Lorenzo, referentes nos ámbitos das tecnoloxías da información e na loita contra a fenda dixital de xénero.
O resultado do traballo das crianzas do CEIP de Chapela pode verse na web donasdocodigo.ceipdelaredo.com [4] ou ben, na súa versión para móbiles con Android, nun espazo específico de Google Play [5].
Máis detalles sobre Donas do Código
En detalle, os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos. Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com [6]) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8364.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.upf.edu/web/wisibilizalas
[4] http://donasdocodigo.ceipdelaredo.com/
[5] https://play.google.com/store/apps/details?ide=com.donasdocodigo
[6] http://www.edu.xunta.gal/centros/ceiplaredo/?q=node/755/