
Hai poucas augas tan perigosas como as dos océanos da internet. Neses mares é fácil zozobrar se non se coñecen ben os riscos e se saben interpretar os mapas nos que se marcan correntes e baixos perigosos nos que é fácil encallar como son o grooming, o sexting, o ciberacoso, a suplantación de identidade, os contidos inapropiados ou as tecnoadiccións. Para ofrecer esa necesaria formación aos nenos, a Policía Nacional creou o programa Ciberexperto, no que acaban de licenciarse 47 escolares composteláns que onte recibiron os carnés que os recoñecen como avezados capitáns da Rede.
O acto de entrega dos diplomas tivo lugar no colexio Ramón Cabanillas e contou coa presenza do comisario de Santiago, Félix García, así como doutros membros do corpo. Pola consellería de Educación acudiron Indalecio Cabana e Carmen Ares Casal.
Todos os alumnos cursan sexto de primaria e son agora a punta de lanza contra delitos na internet nos que os máis pequenos adoitan ser vítimas. A formación que lles deu a policía sensibilizounos do perigoso que pode resultar para eles e para outros ter comportamentos inadecuados, como o acoso a compañeiros a través da Rede ou o sexting, que consiste en enviar de forma voluntaria fotos de contido sexual a noivos ou amigos. Tamén o grooming, no que adultos se fan pasar por menores para lograr que lles envíen imaxes e ameazalos despois se non aceptan manter un encontro con eles. Coñecer o perigo é o primeiro paso para evitalo.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8188.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()