Entre unha aula de mozas e outra de estudantes sénior existe unha multitude de diferenzas derivadas da idade, da motivación, da presión das cualificacións, etc. Por iso, para os docentes dos programas de maiores é de especial importancia coñecer as claves que lles permitan adaptar as clases ás características do alumnado. Este é o obxectivo da xornada de formación que se desenvolveu no campus de Vigo organizada ao amparo do proxecto 'Erasmus+ Kipam' do que a Universidade de Vigo é entidade social. Neste foro, ao redor de 40 profesores e profesoras do Programa para Maiores dos tres campus universitarios galegos participaron en tres sesións que tiveron como obxectivo axudarlles a conducir as súas clases, unha das premisas dos deseñadores deste proxecto europeo.
E é que a finalidade principal do Erasmus+ Kipam, explica Michel Nombela, responsable do Programa para Maiores da Universidade, é "aproveitar o potencial das universidades como institucións de educación superior, é dicir, o coñecemento, organización, infraestrutura, persoal, etcétera, para establecer e desenvolver centros ou unidades que difundan a idea da aprendizaxe ao longo da vida entre as persoas maiores de 50 anos". Ademais, que as persoas maiores se convertan nun colectivo máis activo e independente mediante o desenvolvemento de competencias non vocacionais, co obxectivo de evitar a súa exclusión social.
O curso comprendeu tres sesións ao longo da xornada nas que se abordaron desde unha análise das características xerais do alumnado constituído por persoas maiores de 50 anos, ata unha reflexión sobre os métodos de aprendizaxe máis recomendables para desenvolver a docencia co alumnado sénior. Xa pola tarde os docentes aprenderon a identificar e previr situacións difíciles dentro da aula con estudantado de máis de 50 anos.
Formación
O curso foi impartido polo propio Nombela, xunto con Marisa Castro e Alberto Vaqueiro, coordinadores do Programa para Maiores nos campus de Vigo e Ourense, respectivamente.
Nombela explicou que o obxectivo da xornada era "mellorar as calidades e aptitudes do profesorado dos maiores. O que queremos non é impoñer modelos nin maneiras de facer as cousas, unicamente suxerir opcións e que lles sirva de axuda para mellorar as competencias á hora de enfrontarse á docencia con maiores".
Os asistentes achegáronse ás características propias do alumnado sénior, “un colectivo moi heteroxéneo, cunha franxa de idade moi ampla”, apunta Nombela, que "vai desde os 55 anos ata os 82, idade dos estudantes máis maiores deste curso". Por outra banda, nestas aulas hai tanto xente xubilada como en activo, persoas con estudos universitarios e outras que non tiveron a oportunidade de estudar na súa mocidade. Ademais as experiencias vitais de cada persoa son moi distintas, engade, e en función do grupo, "débense adaptar as clases”, remarca esta experta.
Motivación senior
Neste sentido tamén fixo fincapé nas características que definen as aulas sénior. “É o perfil ideal: con motivación, con interese polos contidos, moi participativo, con ilusión e sen a presión das notas”. Isto tamén require deseñar a docencia e elixir as metodoloxías tendendo a estas circunstancias. Así, nesta xornada o persoal docente tamén asistiu a unha sesión centrada neste aspecto, que como recoñece o coodinador, “non pretende propoñer nada diferente do que se emprega nas aulas de grao ou posgrao”: técnicas como o traballo en grupo, aprendizaxe por proxectos ou a motivación por obxectivos. “Comprobamos que se lles explicamos os obxectivos e ven clara a utilidade e repercusión na súa vida, implícanse moitísimos máis”. Para Nombela esta é a verdadeira fortaleza do Programa de Maiores da Universidade de Vigo, “que sexa aberto, que non se impoña un programa docente, senón que cada un elixe as materias e crea o seu propio itinerario docente”, e isto contribúe a incrementar “a motivación” e a que o “alumnado acuda ás clases con ilusión”.
Finalmente, a xornada completouse cunha sesión para aprender a identificar situacións complexas nas aulas. Son contextos cos que as e os profesores “seguramente xa se atoparon, pero outros hai que telos en conta” como propios de grupos desta idade. Por exemplo, o responsable do programa lembra que para moitos estudantes sénior trátase dunha situación nova, “é a primeira vez que forman parte dunha clase de alumnos universitarios”. Por outra banda tamén destaca que, aínda que a experiencia vital de cada un contribúe moito e enriquece as relacións e a formación, tamén é certo que se aferran “ás súas vivencias, á súa experiencia profesional e de vida e, ás veces, é complicado facerlles cambiar unha idea preconcibida”. Outro aspecto para ter en conta son as novas tecnoloxías, porque aínda que hai estudantes que se desenvolven ben na contorna dixital, a outros élles alleo, conclúe.