
Coas crianzas accedendo ás redes e aos dispositivos tecnolóxicos dende as idades máis temperás, faise máis necesario que nunca facer fincapé, nos colexios e nos fogares, na necesidade de protexer a súa información e a dos demais. Con este cometido, a Consellería de Cultura e Educación [3]e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia [4] (CPEIG) convocan o segundo Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos [5], un certame dirixido ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos que cursen quinto ou sexto de Primaria ou algún dos catro cursos de ESO. Segundo informan os organizadores, a iniciativa organízase con motivo do Día da Protección da Datos, que se conmemorou este 28 de xaneiro en toda Europa.
O obxectivo do concurso é “que a sociedade galega, en especial os máis novos, tomen conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, promovendo o coñecemento sobre os dereitos e responsabilidades nesta materia”. Os traballos presentaranos os propios centros educativos, a través do enderezo premioliterario@cpeig.gal [6], até as 15 horas do día 28 de febreiro de 2018.
Bases do certame
As obras que se presenten deberán ser inéditas e estar escritas en lingua galega. Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros, como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blog ou artigo de divulgación), conto ou relato curto. O obxectivo dos traballos deberá ser responder a preguntas como Que é para ti a protección de datos?, Como afecta no teu día a día? ou Como podo protexer os meus datos?. Os textos de referencia serán Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es [7]).
A extensión dos traballos, que deberán presentarse en formato dixital en PDF, será de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de ESO, e de entre 800 e 1000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, o centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización. O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo.
Segundo lembran a Consellería e o CPEIG, a primeira edición participaron 40 escolares de toda Galicia, e os gañadores foron na categoría Eva Riveiro Formoso co traballo oinc, do Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, e Gustavo López Leyenda, co traballo PISOTE, do CPI de Cova Terreña de Baiona. Ademais, recibiu o recoñecemento especial o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8090.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24133
[4] https://www.cpeig.gal/portal/
[5] http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24091
[6] mailto:premioliterario@cpeig.gal
[7] http://www.agpd.es/