
Coincidindo co Día Internacional do Voluntariado, que se conmemora hoxe 5 de decembro, o Servizo de Voluntariado de Fundación ONCE ponse este martes de longo e estrea a súa páxina web (http://voluntariado.fundaciononce.es/ [3]), unha ferramenta coa que pretende dar a coñecer o seu traballo e animar a máis xente a que regale parte do seu tempo a outras persoas, neste caso con discapacidade.
O Servizo de Voluntariado de Fundación ONCE comezou a súa andaina en xaneiro de 2017 e desde entón son xa máis dun centenar de voluntarios os que se uniron a el para axudar a outras persoas, sempre con discapacidade, a cubrir as súas necesidades máis básicas ou a mellorar a súa autonomía persoal, entre outros aspectos.
Segundo declara Lucía Díaz, coordinadora da Unidade de Voluntariado e Accións Solidarias de Fundación ONCE, á hora de poñer en marcha este servizo pasouse unha enquisa a persoas con discapacidade para pescudar cales poden ser as súas necesidades e por tanto as tarefas dos voluntarios e concluíuse que hai moitas delas que teñen dificultades para acceder ao lecer e á cultura.
Tendo isto en conta, explica Díaz, “tentamos paliar ese déficit cun programa de Acompañamento e Atención Psico-Social e organizamos un taller sobre ‘como tratar ás persoas con discapacidade’.
Desde esta perspectiva, o Voluntariado de Fundación ONCE conta cun plan de actuación que ten entre os seus obxectivos o de fomentar a solidariedade mediante accións, proxectos e programas dirixidos a todas as persoas con discapacidade; solicitar a colaboración e o compromiso de todas as administracións, institucións, axentes sociais, e entidades públicas ou privadas implicadas no desenvolvemento económico e social, e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e a súa contorna de calquera parte de España.
E para cumprir estes obxectivos, o plan de actuación inclúe catro áreas: solidariedade, autonomía, sensibilización e acompañamento psicosocial. Desde a primeira pretende mellorar a calidade de vida das persoas que viven en contornas desfavorecidas e que teñen carencias na cobertura das súas necesidades máis básicas; coa autonomía proponse levar a cabo actuacións encamiñadas a potenciar unha maior independencia nos cidadáns con discapacidade; mediante a sensibilización trata de xerar conciencia sobre a realidade das persoas con discapacidade e o que as rodea, e a través da última, enfocar todas as actuacións vendo ás persoas desde unha óptica global e cun enfoque de crecemento, emocional e social.
No seu primeiro ano de vida, os voluntarios de Fundación ONCE, persoas con e sen discapacidade, estiveron presentes en eventos como os Cuartos de Final da Copa de Europa de Baloncesto en Cadeira de Rodas ou na celebración do Día da Infancia impulsada pola Comunidad de Madrid, entre outros
Agora, coa estrea da súa web (http://voluntariado.fundaciononce.es/ [3]) este servizo quere chegar a máis beneficiarios e atopar máis voluntarios dispostos a regalar parte do seu tempo aos demais. Os interesados en colaborar como voluntarios con Fundación ONCE poden facelo inscribíndose a través da mencionada páxina, que ofrece tamén a posibilidade de contactar coa entidade a través do correo voluntariado@fundaciononce.es [4] e do teléfono 91 5065105/5126.
O Servizo de Voluntariado de Fundación ONCE pertence a FEVOCAM (Plataforma de Entidades de Voluntariado da Comunidad de Madrid) e vai da man da Plataforma do Voluntariado de España, con quen ten previsto subscribir un convenio de colaboración proximamente.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/171211_voluntariado_fonce.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://voluntariado.fundaciononce.es/
[4] mailto:voluntariado@fundaciononce.es