
Unha das redes sociais especializadas en emprego como é Linkedin, que en España conta con máis de 10 millóns de seguidores, pensa que o vídeo currículo é o futuro, por iso acaba de implantar unha ferramenta que permite subir un vídeo ao perfil.
Tamén COGAMI, concretamente a área de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, é consciente da importancia do currículo 2.0 para aspirantes a un posto de traballo. Por isto, decidiu ofrecer esta oportunidade ás persoas que forman parte do programa `PARTICIPA coa dis-CAPACIDADE´, programa no que colabora a Fundación Vodafone España fomentando o uso das novas tecnoloxías e que serve para que as persoas potencien o uso das novas tecnoloxías durante a súa procura de emprego.
O currículo 2.0, ou vídeo currículo, consiste nunha presentación en vídeo onde a persoa aspirante a un posto fala sobre si mesma, presentando as súas aptitudes, habilidades, logros, ambicións e expectativas. COGAMI e a Fundación Vodafone España ofrecen a posibilidade de gravar o seu propio vídeo currículo, ademais de achegar as pautas necesarias para a correcta difusión do mesmo, tendo como obxectivo final o conseguir unha entrevista persoal.
Unha das persoas que mostrou interese en gravar un vídeo currículo é Felisa Nchama Alogo Abuy, unha moza graduada en Dereito que quere apostar polo audiovisual para presentarse ás ofertas de emprego, unha posibilidade que non quixo descartar, a pesar de ter escasa visión. Felisa aproveita esta oportunidade que se lle brinda a través do programa “PARTICIPA coa dis-CAPACIDADE” porque non quere pecharse a ningunha posibilidade para estar ao día no mercado laboral.
Á parte do uso de novas ferramentas para a procura de emprego, o programa ofrece outras posibilidades para estar ao día e xestionar as candidaturas no mercado laboral, como demostran estes datos do mes de outubro: en Galicia, realizáronse 150 orientacións laborais e seguimentos a persoas con discapacidade. Para traballar temas de empatía, marca persoal, simulación de entrevistas de traballo realizáronse 3 obradoiros competenciais e outros 2 foron sobre a realización de entrevistas por Skype. Tamén se visitaron empresas, un total de 27, que xestionaron 30 ofertas de emprego. Actualmente son 6 as persoas inseridas a través do programa “PARTICIPA coa dis-CAPACIDADE”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7791.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()