
A Fundación Hazloposible, entidade pioneira no desenvolvemento do voluntariado corporativo en España con máis de 15 anos de experiencia traballando con empresas e ONG, presentou unha nova app que permitirá aos empregados das empresas acceder ao voluntariado corporativo de forma fácil e desde calquera lugar.
Esta app, que foi presentada no evento "Empresas con Sentido", foi deseñada a partir dun proceso colaborativo que se iniciou nun taller de creatividade levado a cabo por Hazloposible xunto coas empresas da súa Rede Talento que Impacta e os seus voluntarios, para analizar as súas necesidades e poder crear esta app en base ás mesmas. A Rede Talento que impacta de Hazloposible está formada por empresas referentes en voluntariado corporativo que foron pioneiras no desenvolvemento destes programas en España da man de Hazloposible. A Rede conta a día de hoxe con 24 empresas como Grupo Cooperativo Cajamar, Banco Santander, Popular, Grupo Santander, Bankia, BBVA, Bankinter, Fundación Bancaria a Caixa, Inditex, L´Oréal, Grupo VIPS, Accenture, PwC, Gestamp, Enagás, Iberdrola, Fundación Gas Natural, DKV, Reale Seguros, Allianz, Santalucía Seguros, Fundación Mapfre, Fundación BT e a Universidade Alcalá de Henares.
Podes ver o resumo deste taller neste vídeo https://www.youtube.com/watch?v=Szm3CT2s7Dk [3]
Esta nova app dará continuidade á plataforma de Hazloposible, que actualmente xa está implementada en empresas das Rede Talento Que Impacta, e grazas á cal máis de 314.000 profesionais poden acceder a oportunidades de voluntariado da man das súas empresas.
Grazas á app Talento que Impacta, os empregados poden, en tempo real e desde calquera lugar, levar no seu peto iniciativas solidarias propostas desde a súa empresa, ligadas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), e unirse a oportunidades de voluntariado das case 10.000 ONG que colaboran coa Fundación Hazloposible. Os empregados poden valorar as actividades nas que participan, compartir as súas experiencias e propoñer a colaboración dos seus compañeiros en proxectos do seu interese. Ademais recibirán as últimas noticias no seu móbil mediante notificacións enviadas pola empresa, así como alertas cando existan oportunidades acordes aos intereses do empregado.
Para as empresas esta ferramenta facilita a xestión do voluntariado corporativo e o engagement do empregado a través de iniciativas de voluntariado aliñadas co seu RSC. A nova app, dispoñible para iOS, Android e Windows Phone, é completamente adaptable a cada empresa xa que permite a personalización da súa imaxe corporativa, a xestión multi-idioma para empresas multinacionais e a extracción de informes de impacto, desagregados por áreas xeográficas e liñas de actuación.
As empresas non poden desaproveitar as oportunidades que ofrece a tecnoloxía para implicar aos seus empregados en proxectos sociais e de voluntariado corporativo, xa que segundo o informe do ADP Research Institute®, The Evolution of Work: The Changing Nature of Global Workplace, a un 89% dos empregados parécelles positiva a idea de traballar en proxectos relevantes e que impacten na sociedade. Para iso a Fundación Hazloposible acompaña ás empresas no deseño e implementación de programas de voluntariado corporativo estratéxicos e innovadores, que acheguen o talento e as habilidades dos empregados para contribuír á creación dun mundo mellor.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/171108_app.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.youtube.com/watch?v=Szm3CT2s7Dk