Sincrolab e DKV Club de Saúde desenvolveron unha plataforma de adestramento cognitivo personalizado para a recuperación e o desenvolvemento das capacidades cognitivas tanto nos nenos como en adultos.
A nova plataforma Sincrolab consiste nun sistema de estimulación dos procesos cognitivos que, adaptándose ao perfil concreto neste ámbito do paciente, xera un adestramento personalizado que consegue optimizar a eficacia das súas funcións cognitivas. En concreto, este adestramento prográmase a través dunha aplicación de xogos que o paciente debe practicar na casa.
Un dos promotores deste proxecto, o neuropsicólogo Ignacio De Ramón, recalca que Sincrolab xurdiu ante a necesidade de solucionar algunhas dificultades que se producían na práctica clínica diaria, sobre todo relacionadas co seguimento e adherencia dos pacientes ao tratamento. Apunta que "moitos pacientes non poden acudir á consulta coa frecuencia que o seguimento da enfermidade require, e por outra banda está a desvantaxe de que en ocasións son tratamentos custosos que moitas familias non se poden permitir".
Ademais, o CEO de Sincrolab agrega que "temos que ter en conta que preto dun 40% de pacientes con algún trastorno cognitivo non son tratados, polo que nos interesa chegar á maior cantidade de poboación posible".
Esta ferramenta, pioneira no campo da Neuropsicoloxía, deseñouse como un complemento do tratamento convencional que se aplica aos trastornos cognitivos. Para optimizar a súa eficacia requírese, ademais do programa de estimulación concreto, a supervisión do profesional da saúde e, nos casos en que se requira, tratamento farmacolóxico. Segundo Julio Lorca, director de desenvolvemento de DKV Seguros Médicos, "a medicación non é suficiente para os trastornos cognitivos; fai falta a reorganización das áreas cerebrais afectadas, e esta ferramenta consegue a remodelación do cerebro e a un equilibrio das conexións neurolóxicas".
Segundo revela, Sincrolab está deseñada para axudar tamén aos profesionais sanitarios a xestionar e xerar plans de adestramento cognitivo individualizados "non só para nenos con trastornos do neurodesenvolvemento ou con dificultades de aprendizaxe, senón tamén para adultos con trastornos neurodexenerativos".
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7648.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()