
O vindeiro 20 de novembro vanse celebrar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo uns encontros destinados a mostrar o potencial médico das tecnoloxías de fabricación aditiva para dar forma a obxectos tridimensionais (obxectos tridimensionais que nos axuden a interpretar a realidade da que abrollan estes obxectos). As Xornadas de Impresión 3D: Medicamento Personalizado [3] celebraranse ao longo do día, sendo o evento da mañá de acceso restrinxido a xerentes, xefes de área, profesionais sanitarios, enxeñeiros e empresas do sector e todos aqueles actores que se atopan na cadea de valor da impresión 3D en saúde. Esta xeira de mañá, de carácter eminentemente profesional, celébrase en colaboración con 3DHeals [4], plataforma global con base en San Francisco que traballa na achega de materiais tridimensionais no ámbito da medicina.
Nesta primeira metade da xornada abordaranse os aspectos máis técnicos da bioimpresión e as súas aplicacións nos eidos da odontoloxía, a enxeñaría, a traumatoloxía ou a cirurxía torácica. Tamén se van tratar, ante o público especializado (directivos, xefes de área, enxeñeiros, fabricantes, provedores e, en xeral, axentes involucrados na cadea de valor da Impresión 3d en saúde), os regulamentos e as normativas dos ditos espazos de traballo e investigación. A xeira de tarde, Chapter Health 2.0 Galicia [5], oriéntase cara a unha difusión máis ampla do coñecemento en fabricación aditiva. Trataranse os conceptos crave, experiencias, como se aborda a formación e os desafíos futuros máis aló do horizonte visíbel da man de pacientes, enxeñeiros, médicos, cirurxiáns e farmacéuticos.
En ambos os eventos contarase con demostracións prácticas e, en palabras da organización da xornada, “unha sala de exhibición chea de sorpresas”. Segundo lembran os impulsores do evento a conto dos porqués do mesmo, “a tecnoloxía de Impresión en 3D emprégase desde hai anos en distintos sectores e as súas posibilidades van alén dos límites do esperado, poñéndose á par dos ámbitos da robótica, a intelixencia artificial, o Big Data ou a nanotecnoloxía, para dar forma á última revolución industrial denominada 4.0”. E engaden: “A fabricación aditiva con diversos materiais fornece dunha manchea de beneficios económicos, loxísticos, ecolóxicos e achegan un grao de personalización para cada paciente cun alto impacto na saúde individual e colectiva, podendo ser aplicada en case a totalidade de especialidades médicas”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7616.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://us14.campaign-archive.com/?u=6db437546f184566cfd7cc1df&id=f48e4465d5
[4] http://3dheals.com/
[5] https://www.eventbrite.es/e/entradas-health-20-galicia-chapter2-impresion-3d-en-salud-medicina-personalizada-38021668835