
Hai algúns anos, concretamente en 2009, Cruz Vermella lanzou unha campaña [3] cuxo obxectivo era facilitar aos servizos de emerxencia [4] o acceso aos contactos do noso móbil en caso de atoparnos imposibilitados. A campaña, denominada "Avisar a" (Aa), recomendaba aos cidadáns engadir as letras "Aa" diante do nome do contacto que quixesen fose avisado en caso de emerxencia.
A iniciativa estaba moi ben fai oito anos, pero ¿que pasa agora? Claramente hoxe en día acceder ao caderno de direccións dun teléfono non é tan sinxelo pois, nun momento no que os teléfonos móbiles pasaron a ser un apéndice do noso corpo, a gran maioría dos usuarios protexen a súa intimidade con patróns e contrasinais. Aínda así, todos os sistemas operativos permiten asignar contactos de emerxencia aos que acceder sen necesidade de desbloquear o teléfono.
Desafortunadamente esta opción é bastante descoñecida a día de hoxe, a pesar de que activala é moi sinxela. No caso dos dispositivos Apple, atópase dispoñible desde iOS 8 e para configurala debemos acceder desde a aplicación nativa "saúde" [5]. Dentro dela dirixímonos aos apartado "datos médicos", sinalado cun asterisco na parte inferior dereita.
Facemos scroll neste apartado ata atoparnos con "Contactos de emerxencia", seleccionamos "engadir contacto de emerxencia" e a aplicación abrirá a nosa axenda de contactos. Agora soamente temos que seleccionar o noso contacto, elixir o parentesco que temos con el e gardar.
¿Como se accede a estes contactos de emerxencia? Desde a propia pantalla bloqueada do terminal. Nela atopamos a opción SOS que, ademais de permitirnos realizar chamadas de emerxencia, sérvenos como aloxamento dos nosos datos médicos. Isto significa que ademais dos contactos de emerxencia, podemos engadir o noso grupo sanguíneo, posibles alerxias ou se somos ou non doantes de órganos.
No caso de Android, as versións anteriores a Android 7.0, non contan con esta opción de contactos de emerxencia, pero existe unha alternativa para liquidar este inconveniente. Accedendo a través de Axustes > Pantalla de Bloqueo > Seguridade > Información do propietario, engadiremos aquí o teléfono da persoa á que queremos que contacten e o seu número mostrarase sempre na pantalla bloqueada.
Hai que ter en conta que os comandos anteriores varían ás veces en función da capa de personalización que teña o noso dispositivo segundo o seu fabricante. Afortunadamente, Android xa conta cunha opción de seguridade similar á de iOS dispoñible na súa última versión, Android Nougat. Neste caso será tan simple como acceder a través de Axustes > Usuarios > Información de emerxencia > Contactos > Engadir contacto.
Aínda que vivimos nun mundo onde estamos constantemente expostos e a privacidade é primordial, non debemos deixar ao carón a seguridade. É probable que moita xente aínda non coñeza estes axustes de seguridade, por iso convidámosvos a que compartades este artigo entre os vosos contactos, polo seu ben e o de todos.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/2560_3000_1.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.cruzroja.es/portal/page%3f_pageid%3d566,15934153%26amp%3b_dad%3dportal30%26amp%3b_schema%3dPORTAL30
[4] https://www.motorpasionmoto.com/conduccion/aa-el-contacto-que-no-puede-faltar-en-la-agenda-de-tu-movil
[5] https://www.applesfera.com/ios/como-configurar-y-sacar-provecho-a-la-app-de-salud-de-ios-8