
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartirán en diversas localidades galegas charlas de Transformación Dixital e Talento. A iniciativa diríxese a estudantes de secundaria e ten como obxectivo fomentar as vocacións nos estudos relacionados co sector TIC, un dos máis dinámicos da economía española e con máis saídas laborais.
O programa de charlas comeza hoxe no IES Concepción Arenal de Ferrol. Os días 24 e 26 de outubro desenvolveranse no IES Rosalía de Castro, en Santiago; o día 26 no Seminario Menor A Inmaculada, de Ourense, e o 27 deste mesmo mes no IES Número 1 do Carballiño. Tamén está previsto impartir unha charla na cidade da Coruña.
Colexiados do CPEIG achegaranlle ao alumnado destes centros como é o perfil dos profesionais da Informática, xunto cos motivos para estudar unha enxeñaría e, concretamente, a enxeñaría en Informática. Asemade, daranlles a coñecer as saídas laborais destes estudos.
Transformación dixital e talento
A iniciativa representa unha continuidade da Xornada Transformación Dixital e Talento desenvolvida o pasado 16 de outubro en Santiago con grande éxito de convocatoria. Nela, o CPEIG e a AMTEGA xa crearon un punto de encontro para empresas, universidades e estudantes ao redor da economía dixital.
No encontro, enmarcado no convenio de colaboración que manteñen a Amtega e o CPEIG, participaron relatores seleccionados polo seu perfil inspirador e que son exemplo de éxito profesional: Constantino Fernández [3], presidente executivo de Altia; Enrique Dans [4], profesor de Innovación do IE Business School; Juan Carrillo [5], Director de Relacións con Clientes de LinkedIn; e David Tomás [6], cofundador e CEO de Cyberclick.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7605.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://es.wikipedia.org/wiki/Tino_Fern%C3%A1ndez
[4] https://www.enriquedans.com/curriculum
[5] https://www.linkedin.com/in/juancarrillo/
[6] http://www.davidtomas.com/