
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de anunciar que vai colaborar cos Concellos de Celanova, Verea e Bande e máis coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a posta en marcha e desenvolvemento dunha actividade formativa [3] directamente encamiñada a impulsar a inserción laboral da comarca ourensá. Estamos a falar do obradoiro de emprego Novicrea 4.0 novos vieiros de emprego, impulsado de xeito conxunto polos devanditos Concellos ourensáns para materializalo ao longo dos meses vindeiros [4] (entre este mes de setembro e maio de 2018).
Esta actividade, na que participarán uns vinte desempregadas/os da bisbarra, está coordinada por Antonio Piñeiro, cuxo obxectivo (e do seu equipo) é fornecer dun obradoiro de emprego que, amais de ser un obradoiro, sexa un espazo de exploración para proxectos formativos de futuro, proxectos relacionados directamente coas TIC.
Segundo informa o CPEIG, o seu labor centrarase en dar apoio tecnolóxico e formativo ao proceso de selección de persoal (directivo, docente, alumnado-traballadores) do obradoiro de emprego. Esta colaboración inscríbese na liña de traballo deseñada polo CPEIG de apoio a todas aquelas entidades e organizacións que requiran do asesoramento externo do ente colexial que representa os profesionais da enxeñaría en informática.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7484.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.cpeig.gal/portal/node/3209
[4] http://www.laregion.es/articulo/celanova/concellos-impulsan-taller-industria-40/20170905102108733894.html