
A ONCE convocou a XX Edición dos seus Premios Tiflos de Xornalismo nas súas distintas categorías de Prensa Escrita, Radio, Televisión e Xornalismo Dixital, cunha dotación económica de 9.000 euros para cada un dos gañadores. Son uns premios xa consolidados e valorados entre a profesión xornalística.
O Premio outorgarase aos traballos publicados en medios de comunicación do Estado español que, en opinión do xurado, mellor exalten os valores relacionados coa integración das persoas con discapacidade e a supresión de barreiras físicas e mentais que, en determinadas ocasións impón a sociedade.
Os traballos poderán presentarse en calquera lingua oficial do Estado, tendo en conta que os que se presenten nunha lingua distinta ao castelán deben achegar a correspondente tradución, para facilitar o labor do xurado. Os Premios Tiflos de Xornalismo terán catro apartados: Prensa Escrita, Radio, Televisión e Xornalismo Dixital. O mesmo traballo non poderá optar a dúas categorías.
Os traballos, sen extensión nin formato predeterminados, deben ser publicados ou emitidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017, e a data de recepción dos mesmos conclúe o venres 26 de xaneiro de 2018. Deben remitirse por triplicado ao Consello Xeral da ONCE, Dirección de Comunicación e Imaxe, rúa da Coruña, 18, 28020 Madrid, facendo constar no sobre que se dirixen aos “PREMIOS TIFLOS DE XORNALISMO”.
No interior farase constar o nome, domicilio, teléfono, fax (no caso de que o tivese) e correo electrónico, así como o medio e a data nos que foi publicado ou emitido o traballo concursante.
O xurado estará integrado por destacadas personalidades do xornalismo e un representante da ONCE, dando a coñecer o seu fallo inapelable non máis tarde do último día hábil do mes de maio de 2018. A entrega dos premios terá lugar antes do 31 de xullo de 2018, en Madrid.
As bases dos Premios Tiflos de Xornalismo da ONCE poden consultarse en www.once.es [3] (Sección Sala de Prensa, Certames e Premios).
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7320.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.once.es