
O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a edil de Formación, Novas Tecnoloxías e Mocidade, Natalia Hermida, entregaron o pasado venres, no consistorio, os diplomas correspondentes a media ducia de accións formativas [3] das devanditas áreas. Estas convocatorias, impulsadas desde o Concello, dirixíronse a achegar coñecementos e habilidades a un total de noventa persoas. O alcalde e a edil naronesa felicitaron ás persoas que recibiron os seus diplomas por rematar con éxito cadansúas accións formativas. No que atinxe á área de Novas Tecnoloxías, concedéronse os diplomas ás persoas que remataron os cursos de Marketing dixital: promoción comercial a través das redes Sociais,Trámites en liña e administración electrónica e A utilidade das TIC.
Cada un dos devanditos obradoiros TIC achegou coñecementos a un total de doce persoas, impartíndose na Aula CeMIT de Xuvia, entre os meses de abril e xuño deste ano. Así mesmo, entregáronse na área de Formación os diplomas de dúas convocatorias dunha acción formativa sobre Certificacións UNE Carretilleiro + PEMP (para doce persoas en cada quenda), ambas desenvolvidas en maio e xuño, e de Preparación Competencias Clave Nivel 2 (unha edición para quince alumnas e alumnos), que se desenvolveu entre abril e maio.
Por último, procedeuse a dar os diplomas dunha acción formativa da área de Mocidade, sobre Xestión de vendas e atención ao público, con quince prazas e impartido entre maio e xuño deste ano.
Natalia Hermida salientou a importancia de ofrecer desde o Concello formación en todos os ámbitos, “facendo especial incidencia naqueles sectores que poden ter maiores posibilidades de inserción laboral” e indicou tamén que se convocan ao longo do ano obradoiros dirixidos a persoas de diferentes idades e, na maior parte dos casos, “dándolle prioridade á participación nos mesmos de persoas desempregadas”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7258.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.naron.es/web/cat/gal/noticias/get/2314/