
O Palau de les Arts de Valencia será a sede, do 30 de xuño ao 2 de xullo, do Congreso ITASD 2017, a III Conferencia Internacional de Tecnoloxías Innovadoras para persoas con Autismo, un encontro de referencia para analizar o momento actual do uso da tecnoloxía no ámbito do autismo e no que colabora a Fundación Orange.
Baixo o lema ‘Conectando tecnoloxías con persoas: Prácticas baseadas na evidencia', o encontro contará con representación de máis de 20 países en distintas sesións plenarias, comunicacións e pósteres. Na web www.itasd.org [3] pódese consultar xa o Programa definitivo do congreso, tras a selección realizada polo Comité Científico.
Finalmente aceptáronse 20 comunicacións e 10 pósteres de proxectos tecnolóxicos para persoas con autismo procedentes dos seguintes países: España, Reino Unido, Estados Unidos, Países Baixos, Irlanda, Francia, Dinamarca, Serbia, Canadá, Finlandia, Chile, Perú, Colombia, Federación Rusa e Turquía.
Xunto coa presenza de importantes relatores internacionais, que o ITASD convidou polos seus logros no sector, pódese afirmar que o congreso ofrece unha ocasión única para reflexionar sobre tecnoloxía e autismo nunha contorna realmente internacional para coñecer as novidades do panorama mundial e xerar un dialogo frutífero entre países. Cabe lembrar que entre os relatores principais cóntase, entre outros, coa estadounidense Rosalind W. Picard do Grupo de Investigación en Computación Afectiva do Media Lab do Instituto Tecnolóxico Massachusetts (MIT), ademais de Adam Harris, un mozo irlandés fundador de AsIAm.ie, ou Sue Fletcher-Watson da Universidade de Edimburgo, así como o francés Ouriel Grynszpan da Universidade Pierre et Marie Curie, etc.
O ITASD naceu en 2012 en Valencia [4] co obxectivo de dar resposta á utilización masiva de tecnoloxía por parte das persoas con autismo e da súa contorna. Posteriormente levou a cabo unha segunda edición en París [5] no Instituto Pasteur celebrada en outubro do 2014. Nestas dúas edicións previas contáronse uns 500 participantes para cada unha delas e con presentacións de ferramentas tecnolóxicas de case 30 países distintos.
ITASD está organizado pola Fundación Adapta, a Universidade de Valencia e a Generalitat Valenciana, a través do CEFIRE (Consellería de Investigación, Educación, Cultura e Deporte), e conta co apoio da Fundación Orange, o Palau de las Arts Raíña Sofía, o Programa Erasmus+ da Unión Europea e da Fundación Once.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7135.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.itasd.org/
[4] http://www.fundacionorange.es/congreso-tecnologias-para-el-autismo/
[5] http://www.fundacionorange.es/congreso-itasd-2014-en-paris/ç