
Imatia vén de darnos máis detalles sobre o proxecto Senior TV [3], unha iniciativa europea para dar forma a unha plataforma tecnolóxica para maiores de 60 anos, incluíndo todo tipo de recursos destinados a afianzar hábitos saudables (cognitivos, comunicativos e mesmo físicos) no día a día das persoas de idade, amais da súa plena inclusión en todo tipo de servizos sociais, de atención ou cidadáns. Segundo conta a empresa galega, incluíronse na fase piloto da plataforma tres servizos informais (Novas, Eventos, Tempo) e dous xogos cognitivos. Estes recursos foron probados por 300 persoas maiores de 60 anos de tres diferentes países: Chipre, Eslovenia e Romanía (100 persoas por cada país).
Segundo engade Imatia, a día de hoxe estanse a desenvolver novos servizos informais que serán incorporados á plataforma de face ao segundo piloto, cuxa realización comeza o vindeiro mes de agosto. Estes novos servizos están orientados á promoción da actividade física e a vida saudable, ademais de dirixirse á mellora da autonomía e da interacción dos anciáns coa súa contorna, botando man de ferramentas como a Wikipedia ou axendas dixitais, entre outras. Esta segunda versión da plataforma, explicou o equipo de Imatia, disporá igualmente de servizos formais para o control de parámetros médicos (tensión, peso, glicosa en sangue, etc.) e incorporaranse melloras da facilidade de uso atendendo directamente ás opinións dos usuarios recollidas nas fases previas, peticións que teñen que ver cunha meirande claridade nas cores, con fontes de letra máis grandes ou co uso de cursores para navegar no canto dun punteiro.
Como lembraremos, o proxecto Senior TV [4], no que Imatia participa xunto a outras empresas e organismos europeos, ten como obxectivo “desenvolver unha plataforma adaptada e de acceso doado instalada en televisores, smartphones e tabletas”. Esta plataforma permitirá que as persoas maiores poidan acceder desde as súas propias casas a un conxunto de servizos sociais e de saúde, “o que facilitará o seu propio coidado, mellorará o seu acceso aos servizos de coidado formal e informal e aumentará a súa inserción familiar e comunitaria”, explican fontes da empresa galega.
Segundo engade a firma, trátase do primeiro proxecto no que participa a través dunha convocatoria europea. O seu desenvolvemento, coordinado polo Instituto de Neurociencia e Tecnoloxía de Chipre (CNTI), proseguirá até novembro de 2018. Están mergulladas no mesmo empresas de até cinco países, amais de Imatia: Gluk Advice (Holanda), Compexin SA CPX (Romanía), Dom upokojencev Nova Gorica DUNG (Eslovenia), Development Centre of Information and Communication Technologies Savinja RC-IKTS (Eslovenia), Ana Aslan International Foundation (Romanía) e Strovolos Municial Multi-Functional Foundation SMMFF (Chipre).
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7032.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.imatia.com/es/se-presentan-los-resultados-del-primer-piloto-del-proyecto-senior-tv-durante-su-tercera-asamblea/
[4] https://www.imatia.com/es/el-proyecto-senior-tv-continua-avanzando-y-presenta-nuevo-material-promocional/